Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MATAR POR MATAR NON

“Gaña a cuadrilla que máis raposos mata, perde a nosa fauna”

Uns 300 activistas sabotaron o VII Torneo estatal de caza do raposo en Portomarín. Na competición participaron un milleiro de cazadores que abateron 94 raposos.

Redacción - 20:30 30/01/2010
Os cazadores abateron a un total de 94 raposos

Os cazadores abateron a un total de 94 raposos

Por cuarto ano consecutivo Portomarín acolleu esta fin de semana o VII Torneo estatal de caza do raposo e, como xa vai sendo tradicional, os cazadores atoparon a oposición manifesta dun amplo grupo de activistas. Até 300 ecoloxistas e defensores dos dereitos dos animais manifestáronse nas rúas da vila chamando “covardes” e asasinos” aos preto de 1.100 cazadores que tomaron parte na competición.

Sen enfrontamentos directos
 Con todo, nesta edición cazadores e activistas non se cruzaron na praza Conde de Fenosa de Portomarín, porque as cuadrillas xa se dirixiron dende un primeiro momento ao monte, para evitar ningún tipo de enfrontamento. Quen si acudiu a defender o torneo foron algúns veciños da zona, quen quixeron chamar a atención sobre os problemas que supostamente atravesa o sector gandeiro por mor dos ataques dos raposos. Quixeron defender así este tipo de competicións como xeito de controlar a poboación destes animais, que consideran prexudiciais para o seu gando.

Pola contra, os ecoloxistas puxeron de manifesto a falta de criterios científicos nos que se basea esa suposición. “”Por que hai que controlar a poboación de raposos en Portomarín ano tras ano?”, pregunta Xulio Ríos, do colectivo Matar por Matar Non, “Acaso hai aquí moitos máis raposos que noutras zonas de Galiza? Non sei como se arranxarían entón noutros concellos onde non se organizan este tipo de batidas para afrontar este tremendo problema”, explicou con sorna.

Raposos e tamén corzos
 Doutra banda, os ecoloxistas subliñan tamén a importante presenza policial: “había case máis garda civil que cazadores”, explica Fernández. Ademais de manifestarse, os activistas acudiron ao monte para espantar as presas e para explicar os seus motivos os cazadores: “dividímonos e fomos directamente ao sitio onde estaban cazando”, explica Ríos, quen tamén asegura que presenciou como algúns cazadores abateron corzos: “vímonolo cos nosos propios ollos, aquilo era unha salvaxada, disparaban sen importarlle a que e os corzos están protexidos”, recorda.

Ao final, segundo as estatísticas oficiais, os cazadores abateron 94 raposos e avistaron outros 187 animais, converténdose no campionato no que máis capturas se efectuaron, segundo declarou o presidente da Federación de Caza, Xosé María Gómez Cortón. A gañadora foi unha cuadrilla da Coruña, ao capturar cinco raposos en todo o día. “Nin sequera é un campionato estatal serio, xa que presumen de deportistas”, di Xulio Fernández, “non é que sumen puntos cacería tras cacería, gaña o que máis animais mata e xa está”.



Sumáronse a esta protesta: ABEIRO, ADEGA, Amigos dá Terra, Amigos dos Animais, Asociación COMETA, Asturias Verde, ASCEL, CES Salnés, Centro Social A Formiga, Coto do Frade, Eucaliptos NON, FEG (Federacion Ecoloxista Galega), Fin dos malos tratos animais, Fundación Altarriba, GAS Vigo, Pegadas Cantabria , LIBERA, Matar por matar NON, PACMA, Protectora Moura, Salva ou Tren, SGHN, SOS Courel, SHAC SPAIN, Verdegaia. Novas adhesións: Ecoloxistas Estremadura, SOS Felinos, SOS Hurones.


Ligazóns

5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Foron poucos os cazadores que se viron as caras cos ecoloxistas, xa que este ano as cuadrillas xa estaban distribuídas polo monte
Foron poucos os cazadores que se viron as caras cos ecoloxistas, xa que este ano as cuadrillas xa estaban distribuídas polo monte
A presenza policial foi moi destacada
A presenza policial foi moi destacada