Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Campionato estatal de caza do raposo, o sábado

"Cando fallan os argumentos xorden as ameazas"

O colectivo 'Matar por Matar, Non' retrúcalle á Federación Galega de Caza, que este martes ameazou con acudir ao tribunais de continuar o boicot.

Redacción - 10:00 28/01/2010
Campionato de 2009, en Portomarín

Campionato de 2009, en Portomarín

"Perdido o debate dos argumentos e o da opinión pública, a Federación Galega de Caza agora ameaza con accións xudiciais, nun van intento de silenciar as críticas contra os inmorais campionatos de caza do raposo. Recursos económicos parece que lle deberían sobrar".

Deste xeito comeza o comunicado da plataforma 'Matar por Matar, Non', realizado en resposta ás ameazas recibidas por parte da Federación Galega de Caza ao respecto do que esta última considera a continua "conculcación do dereito dos cazadores ao exercicio da súa actividade exercida no marco da legalidade vixente".

Desde 'Matar por Matar, Non' afirman seren conscientes de que "a actual lei lles permite realizar estes campionatos". Tamén, din, son legais "as corridas de touros ou a mesma caza, malia que ditas actividades repugnan á maioría da poboación que rexeita a tortura do touro, ou que certos individuos se divirtan matando animais".

Ademais, critican que desde a Federación "intentan convencernos de que a fauna é un patrimonio que só eles teñen o dereito de gozar pegándolles tiros ou competindo para ver quen mata máis", que se reflicte ademais na "ausencia total de fauna nos montes" e "nas continuas queixas dos propios cazadores porque non hai nada que cazar".

Pregúntanse, neste senso, por que este tipo de campionatos só se realizan en determinados lugares ano tras ano -como o estatal, en Portomarín- "se tan claros teñen os seus argumentos sobre o 'control' que exercen sobre a poboación do raposo". Como se resolve o suposto problema, xa que logo, no resto do país?, cuestiónanse.

"Fano onde llelo permiten, fano para xustificar as avultadas subvencións de Medio Rural, de Deporte e doutros patrocinadores de artigos de caza e fano" -din- "e fano en Galiza porque aquí non pagan por cazar. Porque aquí, ao contrario que no resto do Estado, a caza non representa beneficio algún para o habitantes do rural".

Boicot ao campionato de caza do raposo, este sábado

'Matar por Matar, Non' asegura que seguirán indo ao monte e a se manifestaren "sen infrinxir ningunha lei", "porque é o noso dereito", aínda que recorran aos tribunais obrigándoos a un "esforzo económico inxente".

"Nós non recibimos subvencións de ningunha consellaría", afirman, "nin contamos cos apoios de políticos como cos que vostede (polo presidente da FGC, José María Gómez Cortón) se loce nas fotos de prensa".

Este sábado, conservacionistas e defensores dos animais de todo o Estado achegaranse até Portomarín (A Ulloa), para "exixir que se acabe con ente inhumano e brutal acontecemento que repugna a calquera persoa minimamente sensíbel". "Iremos defender aos que non teñen voz propia para facelo", engaden.

"Vixiaremos que se cumpra a lei de caza, ocupando as zonas de seguridade e utilizando o noso dereito a pasear polo campo, para que non se dispare en devanditas zonas, nos camiños, nas pistas, a menos de 50 metros destes lugares e a menos de 100 metros das casas. Sabemos que cumprindo a lei, a matanza seralles moito máis difícil", argumentan.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: