A institución, creada mediante un convenio coa anterior Consellaría de Innovación e Industria, quedou sen orzamento a finais de 2009.
Unha plataforma formada por asociacións de usuarios de software libre, estudantes, investigadores e profesores entregaron este martes máis de 500 sinaturas para pedir o mantemento da oficina de software libre da Universidade da Coruña. A OSL coruñesa fora creada por un convenio entre a Consellaría de Innovación e Industria e as diferentes universidades para implantar e promocionar o código aberto. Porén, o convenio caducou a mediados de decembro e, dende entón, a oficina está sen financiamento.
Os promotores da iniciativa pídenlle á UDC que manteña o servizo e destine unha partida orzamentaria á oficina, por considerar que se trata dun investimento e non dun gasto, que fará posíbel acadar a independencia tecnolóxica de Galiza.
A reivindicación está apoiada por GPUL, Trasno, Comités e 14 profesores e sete investigadores da Facultade de Informática da Coruña. Durante dúas semanas, as organizacións efectuaron actos informativos e recolleron sinaturas nas diferentes facultades da universidade.