A web estadounidense, probabelmente a máis importante das que aloxan proxectos de código aberto, veta usuarios de Cuba, Irán, Siria, Corea do Norte e Sudán.
SourceForge, web onde se aloxa o código fonte dunha importante porcentaxe dos proxectos de software libre do mundo, bloqueoulles o acceso ás persoas usuarias de países vetados polos EUA. O servizo, de orixe estadounidense, viuse obrigado a cumprir coas leis que pretenden actuar contra o "eixe do mal", formado por Cuba, Irán, Corea do Norte, Sudán e Siria.
Os termos de uso de SourceForge especifican que as persoas que se atopen en territorios que sufran sancións do goberno dos EUA non poden enviar nin recibir contidos da páxina. A web Arabcrunch denuncia esta situación e pregúntase se este bloqueo pode casar coa filosofía do software libre. En SourceForge usuarios de diferentes lugares do mundo traballan conxuntamente sobre o código de numerosos proxectos. Agora non poderán facelo, dependendo do seu lugar de residencia.