Alén da postura dos antigos voceiros nacionais, a dirección do BNG considera prioritario o impulso da fusión galega.
"O que se vai facer é xuntar na mesma saca os buratos de cada unha das dúas entidades, aumentando os seus problemas". Esta era a análise de Xosé Manuel Beiras, como presidente da Fundación Galiza Sempre, durante unha conferencia sobre o futuro das caixas de aforro celebrada o pasado mes de decembro en Santiago de Compostela. Beiras, que xa leva analizado polo miúdo o debate das caixas nunha serie de artigos publicados no diario Galicia Hoxe, levou esta fin de semana a súa posición ao Consello Nacional do BNG. Neste escenario, tomou a palabra para reprochar o posicionamento público do Bloque neste asunto e insistiu en que a formación debera distanciarse desa solución e pedir pola supervivencia das dúas entidades a través dunha redefinición do seu labor que garantise o seu traballo en favor do tecido socioeconómico do país.
Máis aló foi a avaliación do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presidido polo ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que nesta mesma fin de semana botou á luz o seu "Informe sobre as caixas de aforro galegas: situación actual e perspectivas de futuro", asinado polo economista Xavier Martínez Cobas. Desde a IGEA valoran negativamente a posibilidade da fusión e recomendan un modelo de Sistema Institucional de Protección (SIP) a través do cal as caixas galegas poidan aliarse con caixas foráneas, tal e como a actual dirección das entidades leva semanas negociando. Insiste o IGEA en que é "a única opción que previsiblemente eleva a solvencia da caixa e permite o mantemento de emprego, crédito e obra social en Galiza". Iso si, admiten que sería necesario estabelecer mecanismos claros para "garantir a galeguidade" da entidade resultante.
A executiva subliña o apoio á fusión
Con todo, e malia o debate xerado, o propio Consello Nacional aprobou esta mesma semana o informe da executiva e o plan de traballo para os próximos meses. Un documento onde salientan a necesidade de "liderar a oposición" e á vez de "prepararse para chegar nas mellores condicións aos próximos comicios municipais".
No mesmo texto e ao respecto das caixas de aforro, defínese de "decisivo" o papel do BNG á hora de poñer o tema no primeiro plano e indícase que a partir de agora "hai que aplicar a lei aprobada e impulsar decididamente a fusión". "E o BNG vai traballar nese sentido", afirmou Guillerme Vázquez, voceiro nacional do Bloque. Ao fío do mesmo asunto, Vázquez cualificou de "quintacolumnistas do poder central" os sectores que "están a defender en Galiza a posición do Estado en contra da fusión". "Non nos imos deixar amedrentar e se o goberno español pretende recorrer a lei atopará a nosa resposta, modesta pero contundente, política e social", advertiu.
O BNG vigués defende a fusión e o peso de Caixanova
"É unha auténtica mentira que se diga que estar a favor da fusión e ir en contra de Vigo", apuntaba o tenente de alcalde de Vigo, o nacionalista Santiago Domínguez, nun artigo recente baixo o título Defendamos a Caixanova. "A realidade é que ir en contra da fusión é simplemente defender a política do PSOE e a do Banco de España, que nunca tiveron nas súas prioridades que Galiza contara cunha entidade financeira forte que puidera facer fronte a un envite das grandes caixas, que si controlan tanto PSOE como PP noutros territorios", advertía Domínguez. "Defendamos a Caixanova, eu o primeiro e o BNG tamén, pero defendámola para salvala de voitres que agardan o momento de asaltar á presa, defendámola para que siga cos pés ben ancorados en Vigo e en Galiza e non noutros lugares", expón o líder do BNG vigués.
Por outro lado, Santiago Domínguez tamén se pronunciou este luns sobre o informe presentado polo IGEA, e opinou que se basea "en suposicións". Ao respecto, recalcou que "non foi avalado" e que tampouco foi encargado polo BNG. En declaracións aos medios, censurou as conclusións ás que chega ese informe do que censurou que non analice as consecuencias que tería para Caixanova e Caixa Galicia o proceso que propón. Doutra banda, o tenente de alcalde vigués tamén sinalou que o ex voceiro do BNG e membro do Consello Nacional do Bloque Xosé Manuel Beiras "non fala en nome da dirección do BNG". E ao respecto desa posición "oficial" do Bloque, asegurou, "non existe ningún tipo de fisura".