Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe sobre os escenarios posíbeis

O IGEA argumenta a "solvencia" en favor dun SIP das caixas con entidades foráneas

O grupo de estudo liderado por Anxo Quintana ve como a mellor opción o acordo con caixas de fóra se se introducen mecanismos que "aseguren a galeguidade".

Redacción - 10:00 17/01/2010

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presidido polo ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo público esta fin de semana o "Informe sobre as caixas de aforro galegas: situación actual e perspectivas de futuro", asinado polo economista Xavier Martínez Cobas. Segundo ese texto, que se desmarca da opción publicamente apoiada polo BNG, o Sistema de Protección Institucional (SIP) entre caixas de aforro de diferentes territorios é "a única opción" que, "previsiblemente", eleva a solvencia e permite o mantemento de emprego, crédito e obra social en Galiza.

O estudo debulla os escenarios posíbeis e considera que a hipótese da fusión de Caixa Galicia e Caixanova leva á creación dunha nova entidade inferior á suma das actuais en rede, emprego, crédito, obra social, solvencia e cualificación. "Cuestión esta non menor si temos en conta que os procesos de fusión ou absorción inspirados polo FROB non se reducen a Galiza", expón. Deste xeito, advirte o IGEA que a nova caixa quedaría nunha "situación vulnerábel" á hora de poder facer fronte a posibles operacións e absorcións dende fora do noso país, cuestión esta á que, recomendan, "o Goberno debería facer fronte sen que até o momento nada se dixera ao respecto".

O informe do IGEA repara en segundo lugar na posibilidade de que as dúas caixas do país unisen forzas a través dun Sistema de Protección Institucional (SIP). Recolle o estudo que esta opción "reduce os efectos negativos" do modelo de fusión, aínda que insiste en que deste xeito se perde tamén algunha das vantaxes por sinerxias que tiña a caixa fusionada.

Deste xeito, chega a análise do IGEA á terceira posibilidade, un SIP das caixas galegas con caixas do exterior. Así, subliñan que esa fuxida ao exterior sería "a única opción que previsiblemente eleva a solvencia da caixa e permite o mantemento de emprego, crédito e obra social en Galiza". Con todo, o informe admite que este estremo "suscita a dúbida sobre o mantemento da galeguidade da caixa resultante". Por este motivo, o resto do informe baséase na argumentación de mecanismos que, baixo ese modelo de SIP aberto, puidesen garantir a galeguidade da entidade resultante. "Ao noso xuízo existen mecanismos xurídicos e económicos que aseguran a galeguidade dun SIP a longo prazo", expoñen nesa liña.


Ligazóns

2,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: