Massoud Ali-Mohammadi foi un dos pioneiros iranianos neste campo. Mais outras fontes subliñan tamén a súa vinculación co líder opositor Mousavi.
Massoud Ali-Mohammadi
Diversas hipóteses abrollan aos medios ao fío do asasinato este martes de Massoud Ali-Mohammadi, un dos principais expertos en enerxía nuclear de Irán. Un voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores do país responsabilizou directamente a Estados Unidos e Israel do ataque con explosivos, até o de agora non reivindicado. "Un acto inhumano perpetrado por axentes sionistas e mercenarios estadounidenses", indicou o portavoz, relacionando o acontecido cunha sabotaxe ao programa atómico do goberno iraniano.
Mais por outro lado tamén se relaciona a este profesor da Universidade de Teherán co movemento próximo ao líder opositor, Musavi, a prol de quen tería asinado recentemente un manifesto xunto con outros docentes universitarios. Un posicionamento especialmente complicado no actual contexto de belixerante enfrontamento entre os partidarios do presidente Ahmadineyad e os reformistas de Musavi. Doutra banda, a cadea árabe Al-Alam introduciu outra explicación ao atentado, responsabilizando da acción a un movemento opositor no exilio,o grupo Muyahidin Jalq (Combatentes do Pobo.
Recomendámoslles ampliar na BBC e en Al Iasira.