O PSdeG recorda que a pasada lexislatura dimitiu un director xeral pola perda duns exames e acusa o PP de non facer ren logo do recente escándalo de filtracións.
"Daquela o PP pedía todo tipo de responsabilidades políticas e non lle parecía suficiente a dimisión dun director xeral", recordou este mércores o deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas ao respecto da perda dos exames dunhas oposicións acontecido durante a pasada lexislatura. Considera Lage Tuñas, voceiro da área Institucional do PSdeG, que, unha vez de volta no Goberno, o PP permanece paralizado diante dun caso de maior gravidade que aquel. O representante socialista reprocha que a Consellaría de Presidencia se escude nas actuacións da Fiscalía para ficar en silencio diante do grave escándalo das filtracións. "Unha actitude vergonzosa de clara incoherencia política, e hoxe dous meses despois o Director Xeral da Función Pública aínda non dimitiu", censura.
Ao fío do acontecido, o portavoz socialista anunciou que o seu grupo presentará unha proposición non de lei no Parlamento coa fin de "mellorar o funcionamento das probas de acceso á función pública e garantir a imparcialidade e a igualdade de condicións dos opositores". De xeito concreto, os socialistas propoñen por exemplo a posibilidade de que se deseñe un mecanismo electrónico para a elaboración dos exames das probas de selección para o acceso á función pública "que asegure a imposibilidade das filtracións e garanta a igualdade de oportunidade de todas as persoas que opositan”. Advirten desde o PsdeG da "inseguridade que senten moitos opositores despois das escandalosas filtracións nas oposicións dos grupos C1 e C2 da Xunta", criticando que, pasados dous meses, o executivo "aínda non asumiu ningunha responsabilidade política”.