A CIG ultima unha denuncia por presuntas irregularidades na primeira proba do grupo C. Tres irmáns, inscritos no prazo extraordinario, están entre as cinco mellores notas.
É posíbel que tres irmáns aproben á vez (coas mellores notas) a mesma oposición? As leis da probabilidade non o impiden e de feito isto vén de suceder no último proceso selectivo do grupo C1 da Xunta de Galicia. Mais esta casualidade canda moitas outras está a causar un profundo malestar entre moitos dos que se examinaron o pasado mes de setembro e que aspiraban ás 154 prazas en xogo. A palabra “filtración” non deixa de ouvirse e todo indica que a Fiscalía vai ter que decidir se hai indicios abondo para abrir unha investigación.
Pero cal é a orixe da polémica? En xullo de 2008 o bipartito convocou as oposicións ao grupo C, establecendo que o prazo de inscrición remataría o 20 de setembro dese mesmo ano. Antes de que se chegasen as realizar as probas, en marzo prodúcese o cambio de goberno. En xuño, o novo executivo de Feijoo aproba unha nova normativa pola cal xa non é obrigado facer un exame de lingua galega para acceder á función pública.
Logo da reforma, o Goberno decide abrir un prazo extraordinario para novas inscricións. Dende a Xunta argumentaban que non se podía discriminar a aquela xente que non se apuntara un ano antes por ser unha proba onde era obrigado o uso da lingua do país. Os novos aspirantes foron admitidos cando xa estaba nomeado o tribunal cualificador.
Notas que sorpreden incluso nas academias
O malestar polos resultados do primeiro exame do grupo C non só se limita aos opositores. Algúns preparadores que traballan en academias consultados por Vieiros aseguran que é máis que estraño que tres persoas que apenas tiveron tres meses para preparar o exercicio estean entre as cinco mellores notas. Os irmáns acertaron 78, 77 e 76 preguntas dun total de 80.
As denuncias multiplícanse diante do temor a que na segunda parte do proceso poida volver a polémica. Agárdase que entre o 15 de novembro e o 31 de decembro se convoque o exame sobre supostos prácticos, que consiste en 40 preguntas tipo test. As alarmas están todas acesas.
A CIG anuncia accións legais
Para o sindicato nacionalista hai demasiados indicios de irregularidades. De feito, un dos seus dirixentes Manuel Gallardo Canitrot xa anunciou que é moi probábel que nos vindeiros días presenten un escrito na Fiscalía dando conta do sucedido. Dende a CIG salientan que a polémica coincide con que por vez primeira os sindicatos non poideron nomear representantes no tribunal cualificador.