Denuncian que a Xunta achegará 400 mil euros menos, o que impedirá que o órgano cumpra o seu papel de centro de referencia científica.
As tres universidades do país emitiron un comunicado conxunto para denunciar os recortes que vai sufrir o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia. Segundo as institucións académicas, o órgano, constituído no ano 2001 co apoio da Xunta, vai sufrir unha redución orzamentaria de máis do 20 por cento, o que ameaza o seu papel como centro de referencia científica.
O Consorcio, constituído seguindo os pasos do seu homólogo catalán, conta con máis de 60 mil usuarios que forman parte do colectivo académico e científico das tres universidades. Ofrece recursos de información en liña, como bases de datos ou revistas electrónicas, "esenciais na formación e desenvolvemento profesional deste colectivo".
O mantemento da ferramenta viña sendo factíbel grazas á achega de recursos das tres universidades e mais da Xunta, que proporcionaba o 40% do custo de mantemento. Non obstante, os centros académicos recibiron a noticia de que para 2010 o Consorcio contará con 415.550 euros menos, o que obrigou a cancelar 11 bases de datos referenciais con acceso a máis de 29 millóns de artigos científicos e a máis de 1.700 revistas.
Co seu comunicado, as universidades queren deixar constancia do seu "desacordo e malestar" co recorte, que representa "un claro freo ao coñecemento", que son a base "para o desenvolvemento dunha economía e unha sociedade máis modernas, con maior calidade de vida e máis sustentábeis".