O consorcio das bibliotecas universitarias conta con máis de 20 mil títulos de revistas electrónicas.
Bugalicia, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galiza, presentou o seu orzamento para 2009, que dispoñerá de 5,1 millóns de euros para 2009. Desa cantidade, máis de 4,9 millóns irán destinados á contratación de recursos electrónicos de información científica repartidos entre a comunidade investigadora adscrita ao Sistema Universitario. A esas 6.441 persoas tocaranlles 765 euros per cápita.
Segundo explicou a directora técnica de Bugalicia, Victoria Millor, no Diario da Universidade de Vigo, o propósito é favorecer a produción científica que se está a desenvolver no país a través da cooperación interbibliotecaria das tres universidades. Para conseguilo, póñense a disposición do estudantado, do sector docente e do investigador unha ferramenta tecnolóxica útil para o acceso á rede a un alto número de recursos electrónicos de información científica.
Bugalicia permite acceder a máis de 20 mil títulos de revistas electrónicas a texto completo, que se suman a 4.359 libros da biblioteca on line e ás 46 bases de datos referenciais. Tamén se facilita outro tipo de material a través da rede, como actas de congresos e estándares, de consulta obrigada no eido das enxeñarías.
O consorcio leva investido dende 2002 unha media anual de 3,6 millóns de euros na adquisición e ampliación de recursos de información científica e desenvolve estudos para adaptar os recursos de información ás liñas de investigación do Sistema Universitario.