Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Internacional

OBAMA, AS GUERRAS XUSTAS E OS DEREITOS HUMANOS

 Obama, no seu discurso de aceptación do Premio Nobel da Paz, en Oslo, resucitou o vello proverbio latino, atribuído a Flavio Vexecio, “si vis pacem, para bellum”, se queres a paz, prepárate para a guerra, un dito especialmente perverso, millóns de veces repetido, que cumprimos –inexorablemente- durante séculos. E facemos aquilo para o que estamos preparados. Pero xa vai sendo hora de que fagamos realidade un pensamento alternativo, un obxectivo que reclamamos desde o movemento de Educación para a Paz e que fixo popular Federico Mayor Zaragoza parafraseando o anterior: “Si vis pacem, para pacem”, Se queres a paz, prepara a paz, axuda a construíla cada día, contigo mesmo (autopacificación crítica) e cos demais, reivindicando que a guerra sexa, finalmente, declarada ilegal, como método para abordar os conflitos, porque abolir a guerra debera ser un imperativo ético e moral das persoas decentes do século XXI.

Manuel Dios Diz. Seminario Galego de Educación para a Paz - 18:59 21/12/2009
Tags:

      Houbo no pasado Ministerios de Guerra, logo se transformados en Ministerios de Defensa, e haberá, sen dúbida, Ministerios de Paz. Así mesmo, acabaremos creando un organismo internacional de Gobernanza Planetaria, unhas Nacións Unidas -profundamente reformadas-, con lexitimidade, medios e capacidade para intervir, mesmo coa forza se fose necesario, diante de catástrofes humanitarias, xenocidios, enfrontamentos bélicos e situacións que vulneren inequivocamente os Dereitos Humanos. Isto, sabémolo, ten moi pouco que ver coa realidade actual. As actuacións unilaterais dos Estados, chámense como se chamen, por moi poderosos que sexan, a invasión violenta e a ocupación militar dun territorio para impoñer os seus criterios e intereses pola forza, ese concepto de guerra, preventiva, xusta ou santa, da igual como se cualifique, será cada día, menos aceptado pola cidadanía global, e niso confiamos. 


      Non descobre nada novo Obama cando resucita o termo de guerra xusta, xa empregado por Tomás de Aquino no s. XIII. Todas as guerras son consideradas “xustas” polos seus promotores, chámense Bush, Obama ou Bin Laden. Esta é unha evidencia histórica. Mesmo o bombardeo nuclear de Hiroshima e Nagasaki foi aceptado como “útil”. Cómpre ler o magnífico poema do norteamericano Sam Keen, sobre a creación do inimigo, o “Homo hostilis”. Nos versos finais afirma:

     “...cando teñas rematado o retrato do teu inimigo, poderás matalo e despedazalo sen sentir vergoña nin culpa ningunha. Porque entón o que destruirás terase convertido nun inimigo de Deus, nun obstáculo para a sagrada dialéctica da historia” Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

  Moi pouco ten que o discurso do mandatario norteamericano en Oslo co pronunciado hai meses no Castelo de Praga, onde se comprometeu a abandeirar o desarmamento nuclear. Ou co que lanzou no Cairo en relación co Islam. Aquelas foron declaracións estratéxicas, como o anuncio do peche de Guantánamo (aínda pendente) ou a retirada de Iraq, un conflito que sabe imposible de gañar. Estes anuncios, o cambio radical na política internacional en relación con Bush, foron os que quixo recompensar en Oslo o Comité Nobel, un camiño para facer entre todos, conxuntamente, sobre a base do multilateralismo, o diálogo e a negociación, alianza fronte a choque de ignorancias (que non de civilizacións), e cos dereitos humanos no horizonte. 


      José  Antonio Marina explica, na súa magnífica obra filosófica e pedagóxica, que a gran construción humana non é, contra o que podería parecer, a alta tecnoloxía acadada nos últimos séculos (particularmente para a morte), os enormes avances médicos e científicos, ou a grande capacidade humana para escudriñar no espazo exterior, nada diso. A gran construción da Humanidade é a plasmación e regulamentación, en códigos ético xurídicos, da nosa convivencia pacífica e que ten, precisamente, nos Dereitos Humanos, unha das súas máximas expresións universais. 


      Por iso sorprende o grao de descoñecemento, mesmo en ámbitos académicos, da Declaración Universal de 1948, a pesar dos grandes esforzos realizados por entidades da sociedade civil que adicamos tempo e recursos, desde hai anos, á Educación para os Dereitos Humanos. Foi, sen dúbida, como consecuencia dos insistentes chamamentos a incorporar estas ensinanzas no currículum escolar que, na actualidade, teñamos Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos impartíndose -con total normalidade- nos colexios e institutos, seguindo o exemplo doutros países do noso contorno e aplicando -por fin- as recomendacións da ONU, da UNESCO e do Consello de Europa, con case dez anos de atraso... 


      Con todo, a cidadanía, os intelectuais, as universidades, os medios de comunicación, fan aínda esforzos reducidos por contribuír a visibilizar na sociedade os Dereitos Humanos. Mesmo no seu día, o 10 de decembro de cada ano (vimos de comprobalo con tristeza unha vez máis), son escasísimas as referencias na opinión publicada, ao texto de 1948 e ao seu significado. 


      E cómpre reler, de cando en vez, o seu Preámbulo e os 30 artigos que conforman ese texto extraordinario, obra de personalidades excepcionais. A introdución non articulada resulta dunha lectura moi saudable, especialmente, en tempos de incerteza e confusión, porque axuda a levantar o ánimo, mellora a nosa autoestima como especie e fainos confiar na enorme capacidade das persoas para facer o ben. Identifica inequivocamente a liberdade, a xustiza, e a paz, sobre a base da dignidade humana, como dereitos iguais e inalienables para todos e cada un dos seres humanos, con independencia da súa raza ou cor, crenza, sexo, procedencia social ou lugar de nacemento.

          Recoñece que foi o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos o que orixinou actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade e declara como aspiración máis elevada das persoas o advento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen de liberdade de palabra e de crenzas.

          E considera obxectivos irrenunciables a plena igualdade de dereitos entre homes e mulleres, o progreso social, elevar o nivel de vida, a cooperación entre os pobos… destacando o ensino e a educación como os mellores instrumentos para a súa promoción. 


      Ese magnífico texto, tan vulnerado, esixe de todos nós un compromiso diario e permanente por facelo realidade. De non ser así, acabará no Museo do Louvre, ou en calquera outro, como as 282 Leis do Código de Hammurabi en Babilonia e tantos outros que o precederon...


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: