A oposición asegura que o Goberno quere anunciar a normativa nas vacacións de Nadal para minimizar a súa repercusión.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou este xoves que antes de final de ano o Goberno vai presentar a súa proposta sobre uso de linguas no ensino non universitario. Afirmou que a normativa vai ser “fiel” á Lei de Normalización Lingüística e ao programa electoral do PPdeG. Feijoo subliña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística só ten estas directrices para traballar na elaboración: “Teño un compromiso cos cidadáns, non con ningún cargo”.
Dende o Goberno manteñen que as liñas básicas do decreto van darse a coñecer antes de que remate o ano. Porén, Feijoo mantén que haberá un período de debate social antes de que entre en vigor a norma no curso 2010/2011. Dende a oposición aseguran que o executivo quere aproveitar as vacacións de Nadal para anunciar o decreto e minimizar así o rebumbio mediático.
Política Lingüística garda o segredo
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai todo o posíbel para que non trascenda o borrador do decreto até o último momento. Fontes consultadas por Vieiros, sinalan que o máximo responsábel deste departamento, Anxo Lorenzo, mantén o que sinalara nunha entrevista con este xornal o pasado mes de maio. Naquel entón, Lorenzo subliñaba que o modelo ao que aspiraba debía asegurar “un coñecemento idéntico de galego e castelán e no que teña peso o coñecemento de lingua estranxeira”. O principal atranco que atopa Lorenzo ten que ver coa petición de sectores do PPdeG que seguen a reclamar que os pais teñan unha marxe para elixir o idioma das materias.