Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
UN GOBERNO ENCIRRADO

Galicia Bilingüe presionou o Goberno para que non repescase o decreto da era Fraga

O colectivo contrario á normalización advertiulle ao executivo de Feijoo que se oporá a calquera modelo que non recolla a “liberdade de elección”.

R.V - 12:30 21/05/2009

Poucos días despois de gañar as eleccións, dentro do PPdeG escoitáronse voces que  daban unha solución para substituír o decreto de galeguización: voltar ao modelo da época Fraga. Aquela normativa, aprobada en 1995 establecía que un terzo das materias se impartisen na lingua do país (fronte ao 50% de mínimo que establece o decreto aprobado polo bipartito en 2007). Porén, os colectivos máis contrarios ás políticas de normalización lingüística (Galicia Bilingüe) mandaron axiña un aviso a navegantes: O importante é “a liberdade de elección” dos pais.

A propia presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, deixou claro esta semana que o modelo lingüístico que aplicou o goberno Fraga dende mediados dos noventa tampouco lle vale: “O señor Feijoo prometeu deixar escoller as materias troncais. Ten que comezar xa a preguntar o que queren os pais”. Lago non agocha o por que da súa oposición radical a calquera modelo que non implique a “libre elección” dos pais. Para “Galicia Bilingüe” se os pais teñen agora dereito a elixir a lingua vehicular do ensino “dificilmente haberá marcha atrás” en caso dun cambio político na Xunta.

A propia Lago non desminte a existencia de contactos extraoficiais co novo Goberno. Quizais por estas conversas, en Galicia Bilingüe hai certo optimismo. O propio conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, deixaba moi claro este mércores no Parlamento por onde van os tiros: “Os galegos falaron alto e claro; queren blingüismo, liberdade e un novo decreto do galego”. Por se a cousa non estivese xa clara, Vázquez aseverou que o Plan de Normalización Lingüística, aprobado en 2004 por unanimidade, “non é unha obriga legal”.

Contra o que ocorre con Galicia Bilingüe, A Mesa pola Normalización Lingüística afirma que polo de agora non houbo ningún tipo de contacto, nin oficial nin extraoficial, para falar sobre a derrogación do decreto. Dende a CIG-Ensino, lembran que esta mesma semana mantiveron unha xuntanza co conselleiro na que só lles reiterou que se vai mudar a normativa lingüística no ensino non universitario.

Noticias relacionadas:


2,08/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: