Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ROTUNDA VITORIA DO MOVEMENTO AO SOCIALISMO

Evo Morales logra un apoio masivo nas eleccións bolivianas

O presidente boliviano consegue a reelección con máis do 60% dos votos. A comunidade internacional salienta a transparencia do proceso electoral.

Redacción - 10:16 07/12/2009

O Movemento ao Socialismo (MAS) de Evo Morales logrou unha histórica vitoria nos comicios bolivianos. A falta da confirmación oficial, todas as sondaxes a pé de urna apuntan a que Morales sobrepasa amplamente o 60% dos votos. O propio presidente fixo declaracións na madrugada deste luns, hora galega, autoproclamando a súa reelección até o ano 2014. Morales xa asegurou que o obxectivo primordial desta segunda etapa vai ser “profundizar na revolución democrática e cultural ao servizo do pobo”

A principal dúbida é o reparto de deputados na chamada Asemblea Plurinacional, aínda que as mesmas enquisas apuntan a que o MAS podería obter dous terzos dos representantes o que permitiría, segundo Morales, aplicar “a primeira Constitución que será aprobada polo pobo”. Aínda así, o presidente subliñou que vai ter a man aberta para o diálogo permanente coa oposición, que aínda non recoñeceu a derrota. O principal candidato rival, o dereitista Manfred Reyes Villas tería logrado arredor dun 25% dos votos.

De confirmarse as enquisas, Morales tería aumentado en case dez puntos o seu apoio electoral con respecto a 2005, cando logrou o 53,7% dos sufraxios. Dende o MAS xa aseguraron que este apoio masivo do pobo obriga a que o Goberno acelere o proceso de cambio nestes vindeiros anos. Por vez primeira dende 1964, un presidente logra a reelección.

Os observadores internacionais avalan o proceso electoral

A Organización de Estados Americanos (OEA) afirmou que non se detectaran incidentes resaltábeis no proceso de votación. O responsábel do grupo de observadores, o colombiano Horacio Serpa, cualificou a xornada como “día de participación masiva, alegre, pacífica e cívica”. A delegación da Unión Europea que seguiu as eleccións expresouse de xeito similar.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: