Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Pleno municipal

Vigo acorda defender a galeguidade das caixas pero non como

Os tres grupos apoiaron que os centros de decisión fiquen en Galiza e que se aprobe a nova Lei de Caixas. Mais o PSOE falou de acoso a Caixanova e o PP cuaficouno de "localista".

Redacción - 19:00 30/11/2009

A corporación municipal de Vigo aprobou por unanimidade pedir que os centros de decisión de Caixanova e de Caixa Galicia sigan no país e que se aprobe unha nova Lei de Caixas. Os tres grupos políticos discreparon, no entanto, sobre o futuro das entidades. Así, o PSdeG rexeitou a fusión das dúas caixas, o PPdeG advertiu de que individualmente "non teñen futuro" e o BNG propuxo unha "alianza estratéxica".

No pleno deste luns debatéronse dúas propostas. Unha, socialista, instaba a Xunta a que "non obstaculice" e permita que Caixanova desenvolva un proxecto "autónomo, estábel, solvente e eficiente", ademais de garantir a súa identidade, sede e nome. Non saíu adiante por abstención do BNG e o voto en contra do PPdeG. A outra, defendida polo BNG, aprobouse por unanimidade.

Por parte do PSdeG, Abel Caballerio asegurou que Caixanova ten un proxecto "solvente" e "capaz de seguir aguantando a crise" e que a Xunta "está a acosar" o proxecto da caixa con sede en Vigo mediante "enormes presións" de Alberto Núñez Feijoo a prol dunha fusión con Caixa Galicia que supoñería, na práctica, unha "absorción". Si admitiu a posibilidade de que se chegue a un Sistema Institucional de Protección (SIP), sempre que Caixanova manteña o "liderado" e a sede. Desbotou a posibilidade de fusión, xa rexeitada polo Consello de Administración da entidade.

Pola súa banda, o representante do BNG, Santiago Domínguez destacou que, na situación económica actual, "o prioritario é manter a galeguidade" das caixas e amosouse convencido de que a solución será "unha alianza estratéxica" entre as dúas para que se poidan fortalecer e non se convertan "nunha moeda de cambio do PP ou do PSOE". Discrepou da postura socialista por considerar que "conservar o nome" non significa manter o poder de decisión. Tamén advertiu de que "é distinto fusión que absorción". Deixou a porta aberta a un SIP entre as dúas caixas galegas con alianzas con outras entidades de fóra "sempre que se garanta a galeguidade".

O voceiro do PPdeG, José Manuel Figueroa defendeu "unha caixa forte para Galiza e para Vigo e para que non veñan outros tomar decisións" e afirmou que as caixas, a nivel individual, "non teñen futuro". Acusou o alcalde de ter un "localismo trasnoitado" e un discurso "demagóxico", así como importarlle "tres narices" as caixas, senón "atacar" a Corina Porro. Defendeu a actuación da Xunta, asegurando que traballa "con rigor" para manter a "galeguidade".


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: