O presidente da entidade, Xulio Fernández Gayoso, considera que con duas caixas diferentes “os empresarios están mellor servidos”
A crise económica pode levar á fusión das dúas caixas de aforros do país? Se se lle pregunta ao presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, a resposta é clara: se isto se produce é á forza. O máximo dirixente desta entidade só se limitou a dicir que é mellor que as caixas manteñan a súa independencia porque “os empresarios están mellor servidos con dúas”.
Nun acto en Ourense, o responsábel de Caixanova subliñou que as dúas entidades están entre as dez máis grandes do Estado Español e “teñen capacidade e medios para actuar en mercados competitivos”. Poren, Gayoso dixo que a oposición á fusión non quere dicir que “non deban ir xuntas e da man” para facerlle fronte aos “grandes proxectos de Galiza”.
Gayoso tamén avanzou que a entidade quere abrir nos vindeiros meses catro novas sedes en EUA, que se sumarán á que xa existe agora en Miami (que conta con 50 empregados). Segundo Caixanova, esta estratexia quere abrir “canles á internacionalización” das empresas galegas.
O goberno español considera que as fusións poden sanear determinadas entidades
A posibilidade dunha fusión entre as dúas caixas galegas volve estar enriba da mesa. A crise demostrou a febleza dun sistema financeiro que, nos últimos anos se entregou a investimentos de alto risco.
Segundo publicaba hai dúas semanas o xornal económico Cinco Días, o goberno español contempla a curto prazo a fusión de determinadas caixas de aforros. Unha das saídas para aquelas caixas con máis problemas de solvencia sería a súa absorción por outra entidade coas contas máis saneadas. O executivo estatal estaría disposto a facer unha reforma legal para evitar que as comunidades autónomas poidan frear os posíbeis procesos de concentración.