A Sétima Conferencia Ministerial da OMC, que comeza o luns vindeiro, vai ser recibida cunha marcha previa este sábado, unha década despois da Batalla de Seattle.
Clinton, presidente dos EUA (01/12/99)
Milleiros de activistas marcharán pacificamente este sábado polas rúas de Xenebra onde a partir do luns, deica o 2 de Nadal, está previsto que se desenvolva a Sétima Conferencia Ministerial da Organización Mundial de Comercio (OMC, WTO nas súas siglas en inglés).
A manifestación, que discorrerá entre a Place Neuve e o Parc des Cropettes, coincide co décimo aniversario da 'Batalla de Seattle', unha protesta solidaria entre organizacións altermundistas contra a Terceira Ministerial da OMC, que reuniu 40 mil persoas nas rúas da cidade estadounidense -arredor de 600 foron arrestadas por unha Policía totalmente sobrepasada- e fixeron fracasar a xuntanza.
En Seattle sementouse o xermolo da unión entre activistas, ecoloxistas, labregos, sindicalistas e intelectuais para protestaren en bloque contra as seguintes xuntanzas, non só da OMC, senón tamén do FMI e do Banco Mundial, ou do G-8 e do G-20, entre outras.
Unha década despois, non unha, senón varias crises ameazan a vida no Planeta: a degradación ambiental, a escaseza de comida e auga, o colapso financeiro e o continuo agrandamento das diferenzas entre ricos e pobres ... E desde a OMC turran por non extirpar, mesmo estender, o cáncer de todos estas doenzas: o libre comercio. Desregulamentado, á medida dos máis poderosos, e en prexuízo da humanidade.
Os que este sábado marcharán polas rúas de Xenebra -e dentro de dúas semanas, tamén polas de Copenhagen durante a 15ª Conferencia das Partes da Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático- saben que outro mundo é posíbel e, ademais, totalmente necesario. Non estarán sós. O espírito de Seattle camiñará canda a eles.