Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Chegou o momento"

Hugo Chávez propón convocar a Quinta Internacional Socialista

O presidente venezuelano considera que é preciso agrupar o movemento progresista diante da crise mundial e contra o imperialismo.

Redacción - 12:07 22/11/2009

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, afirmou que chegou o momento de convocar unha Quinta Internacional Socialista que agrupe o movemento progresista, de cara ao reto que supón a actual "crise mundial". Chávez instou os partidos de esquerda de todo o mundo a crear un foro socialista de esquerda verdadeira, disposta a facer fronte ao imperialismo. "Eu creo que chegou a hora de que convoquemos a Quinta Internacional, e eu atrévome a convocala, creo que é unha necesidade, é o que clama o mundo deste sábado e atrévome a pedir que a creamos, propóñoo: creo que está decidido", dixo Chávez durante a clausura do Encontro Mundial de Partidos e Movementos de Esquerda, celebrada o venres en Caracas, segundo recolleu a radio YVKE.

Chávez convidou os representantes dos países presentes no encontro a que participen nun proxecto verdadeiramente novo, inédito, "ese encontro socialista debe ser da esquerda verdadeira, disposta a facer fronte ao imperialismo e ao capitalismo", destacou. Dixo que "algúns representantes dos partidos deben facer chamadas e pensar un pouco antes de aprobar o documento final de creación. Tómense o seu tempo, este domingo aínda deben discutir, fagan as chamadas que deban facer, pero déixenme convocar a creación do organismo socialista, eu asumo a responsabilidade ante o mundo", sentenciou.

A Quinta Internacional serviría para definir unha nova forma de socialismo, como resposta ao que cualificou como o fracaso das experiencias do "socialismo real" soviético, as "socialdemocracias" ou a "terceira vía". O presidente venezuelano propuxo tamén que coa lista dos partidos integrantes sexa creado un comité preparatorio, para facer formalmente a convocatoria da Quinta Internacional. "A constitución dese comité preparatorio puidese ser unha das conclusións deste Primeiro Encontro de Partidos de Esquerda", sostivo.


4,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: