A Xunta reduce a extensión do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés nunha zona onde se proxecta a ampliación dun parque eólico.
Adega denuncia que se lle dea prioridade ao negocio privado sobre o desenvolvemento local sustentábel / Foto: Cancela de Sas (Flickr)
"Estamos retrocedendo novamente a era Fraga, na que as empresas eléctricas e mineiras recurtaban a Rede Natura á medida do seu negocio", din dende o colectivo ecoloxista Adega. Denuncian que a pasada semana se publicou un decreto (401/2009) do que se deduce a redución da extensión do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés en 417 hectáreas, xusto na zona considerada de maior valor ecolóxico-ambiental.
Cuestión de prioridades
No pasado mes de marzo aprobarase o Plano de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) deste parque natural, que abranguía un ámbito de aplicación de 29.762 hectáreas. Porén, o novo decreto limita esta área xustamente nun lugar onde se proxecta a ampliación do parque eólico de Vieiro. Dende Adega entenden que esta decisión "obedece exclusivamente ao interese de Iberdrola, compartido polo alcalde e tenente de alcalde de Bande" por ampliar estas instalacións e por instalar un horto solar dentro da zona anteriormente protexida.
Os ecoloxistas lamentan que non se aproveite a oportunidade para converter estes espazos naturais protexidos nunha oportunidade para o desenvolvemento local sustentábel e exixen respecto pola lexislación ambiental vixente. É dicir, que se dote de Plans de Ordenación dos Recursos Naturais a cada unha destas áreas, de xeito que se dea prioridade aos criterios ambientais sobre os especulativos sobre o solo. Ademais, reclaman "respecto, ante todo, pola poboación de cada espazo protexido", facendo que a lei se aplique a todos por igual e que se elaboren Plans de Desenvolvemento, para que sexan os veciños os auténticos beneficiarios das políticas de protección e conservación.