O Tribunal Constitucional da República Checa ditaminou que o Tratado de Lisboa é compatíbel coa súa Constitución.
O presidente da República Checa, Vaclav Klaus
A República Checa é o único país que aínda non ratificou o Tratado de Lisboa de entre os 27 Estados europeos. Porén, este martes, os atrancos que impedían a sinatura quedaron disipados: a Corte Constitucional do país ditaminou que a súa asunción é compatíbel coa Constitución do país.
Este fallo permitirá ao presidente, Vaclav Klaus, coñecido polas súas posicións euroescépticas, concluír o proceso de aprobación do Tratado que, previsibelmente, entrará en vigor o primeiro de decembro, para o que precisa ser ratificado por todos os membros da Unión Europea.
Soberanía limitada
O Tribunal Constitucional, con sede na cidade de Brno, rexeitou así un recurso presentado por un grupo de senadores conservadores (aliados políticos do presidente), que cren que o Tratado limitará a soberanía do país, ao traspasar importantes competencias aos órganos comúns da Unión.
O fallo sinala que a maxistratura non pode permitir o "activismo xudicial" de definir conceptos de soberanía ou que competencias se poden trasladar ou non á Comisión Europea, xa que se trata dunha "decisión política que non pode deixarse en mans do Tribunal".
Se ben o Parlamento checo xa aceptara o texto hai meses, foi o propio presidente quen se amosou máis reticente a asinalo temendo que restase soberanía á República Checa. Con todo, a súa oposición foi menor logo de que a UE fixera unha concesión ao seu país: non estará obrigado a cumprir coa Carta de Dereitos Fundamentais do bloque (como xa ocorre co Reino Unido e Polonia). Así, xa adiantou que rubricaría o Tratado sempre que recibise o visto bo do Tribunal, extremo que se acaba de cumprir.