O goberno libera catro mil dos case 300 mil tamiles presos en campos de concentración, logo de pediren os EUA unha investigación sobre supostos crimes de guerra.
Velupillai Prabhakaran, morto
O goberno de Sri Lanka rexeitou este luns novas acusacións sobre supostas torturas e execución do líder dos Tigres Tamil (LTTE), Velupillai Prabhakaran, por parte das forzas de seguridade do estado logo de se render.
O Exército de Sri Lanka anunciou o pasado 18 de maio a morte de Prabhakaran, que durante 37 anos liderou a organización independentista armada na procura dun estado propio para a minoría tamil fronte a maioría cingalesa da illa.
As novas acusacións realizounas esta fin de semana a web estadounidense Sri Lanka Guardian, que cita tres fontes: un gardacostas de Prabhakaran e dous oficiais do servizo de intelixencia e do ministerio de Defensa.
Porén, este departamento -segundo recollen axencias internacionais- emitiu un comunicado en que sinala que existe unha campaña para publicar "historias inventadas" co fin de levar os militares ante os tribunais por crimes de guerra.
O Departamento de Estado (ministerio de Exteriores) dos EUA elaborou un informe hai poucos meses onde consideraba que tanto os Tigres Tamil como o goberno de Sri Lanka puideron cometer crimes de guerra na fase final do conflito armado, incluída a execución de líderes independentistas que acordaran unha rendición.
Campos de concentración
O Executivo da illa liberou a semana pasada catro mil dos case 300 mil tamiles presos en campos de concentración desde o final do enfrontamento. A liberación chegou logo de que o goberno estadounidense pedise unha investigación sobre os supostos crimes de guerra que, considera, "acusacións críbeis".
Entre sete mil e 20 mil civís tamiles morreron entre xaneiro e maio deste ano, e máis de 100 mil desde que comezara o conflito.