Unanimidade no sindicato na elección do único candidato a secretario nacional e compromiso na loita por un ensino público, gratuíto e galego.
Anxo Louzao durante a súa intervención
Segundo o previsto, o V Congreso da Cig-Ensino pechou coa escenificación dunha absoluta unanimidade na elección do secretario nacional e da executiva que dirixirá o sindicato para os vindeiros catro anos. Anxo Louzao, quen ocupa o cargo dende 2001, repite como máximo responsábel da organización logo de obter o aval dos votos dos 170 delegados (e ningún voto en contra).
Foi unha xornada intensa, na que se debateu sobre as liñas de futuro da formación e que rematou coas intervencións das delegacións convidadas, do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e do reelixido Anxo Louzao. De entre as conclusións, o sindicato marcouse como obxectivo a loita por unha Lei Galega de Educación, "que garanta un ensino público, gratuíto e de máxima calidade no que a lingua vehicular sexa o galego".
Asemade, comprometeuse a traballar pola aprobación dun Estatuto Galego de Profesorado, que valore a función docente, que facilite a súa formación permanente e que lle garanta a súa estabilidade. Nesta liña, a CIG-Ensino acordou continuar a defender a mellora das condicións de traballo do profesorado, de xeito que se elimine a precariedade, que se asegure a xubilación anticipada ou que se reduzo o horario aos maiores de 55 anos para crear emprego. Que se melloren as retribucións, se amplíe o Marco Galego de negociación e se reforce a Mesa Sectorial como órgano de representación.
O Goberno do PP, unha involución
No seu discurso final, Anxo Louzao centrou as súas críticas no Goberno do PPdeG, que considerou unha "auténtica involución" para o ensino público e para o galego. Así, acusou á Consellaría de Educación de "comportamento ditatorial" e "de desprezo cara o profesorado". Sinalou que o prioritario deste departamento é lexislar "para desmantelar o ensino público", con medidas "regresivas, contrarias ao principio de gratuidade, equidade e calidade que debe ter un servizo público".
Finalmente, Louzao animou aos docentes a continuar traballando para avanzar nas conquistas sociais e, en consecuencia, mellorar as condicións do ensino, e "defender un sistema educativo galego unicamente público".