O sindicato, maioritario no ensino público, reelixirá a Anxo Louzao como secretario nacional para os vindeiros catro anos.
Anxo Louzao, secretario nacional dende 2001, repetirá no cargo
A tranquilidade e a concordia presiden a celebración do V Congreso da CIG-Ensino este sábado en Compostela. A presentación dunha única candidatura para a nova executiva do sindicato maioritario no ensino público galego pon de manifesto a unanimidade dos afiliados e abre o espazo para o debate, o balance e o deseño das liñas de actuación para o futuro.
O que foi secretario nacional deste sindicato dende 2001, Anxo Louzao, repite candidatura e, con toda probabilidade, sumará outros catro anos ao fronte da organización. Un total de 206 delegados (150 elixidos nas distintas comarcas e 56 membros natos) participan nesta asemblea que se convoca baixo o lema "O teu sindicato, a CIG-Ensino; a túa lingua, o galego".
Balance dos últimos catro anos
No apartado do xa feito, a CIG-Ensino subliña a importancia de convertérense nunha organización de referencia no ámbito educativo, tanto público como privado, e o incremento nun 40% do seu número de afiliados.
Louzao salientou o papel central da formación nas mobilizacións e folgas convocadas durante os últimos catro anos en defensa da xornada reducida; pola aplicación da LOGSE; en defensa do ensino público; en demanda de medidas contra o fracaso escolar; pola diminución das ratios; ou a denuncia do incumprimento do Decreto de uso e promoción do galego no ensino, entre outras cuestións. Ademais, falou dos avances conseguidos coa mellora da retribución do profesorado, en defensa da estabilidade dos interinos ou a redución da carga lectiva, entre outros.
O que está por vir
Con todo, os retos para o futuro son tamén moitos. Entre os obxectivos que se marca a CIG-Ensino atópanse o de frear a privatización e pular por un sistema educativo galego ordenado e planificado en función das necesidades do país.
Segundo adiantou o secretario nacional, o sindicato traballará a prol dunha Lei Galega de Educación, para que se garanta un ensino público no que a lingua vehicular sexa o galego, que conte cun financiamento axeitado e que reduza os concertos. Ademais, defenderase a aprobación dun Estatuto Galego de Profesorado, que recoñeza e valore a función docente, así como facilite a súa formación permanente e garanta a súa estabilidade.