Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Marcha "alegre, festiva e positiva", á vez que "reivindicativa"

O pobo queremos galego

A capital do país acolle este domingo unha manifestación a prol da lingua que se prevé multitudinaria.

Redacción - 18:00 17/10/2009

Santiago de Compostela acollerá este domingo a manifestación a prol da lingua convocada pola plataforma cívica Queremos Galego, que conta co apoio de case 500 entidades e milleiros de adhesións individuais e que prevé unha participación "máis que multitudinaria" nun acto de protesta contra as medidas lingüísticas "regresivas" da actual Xunta.

A marcha sairá ás 12.00 horas da Alameda e seguirá un percorrido similar que na manifestación do Día das Letras. Pasará por Porta Faxeira, Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Praza do Doutor Puente Castro, República Arxentina, Hórreo, Praza de Galicia, Orfas, Toural, Rúa do Vilar, Conga e Praza da Quintana, onde se realizará o acto final coa lectura dun manifesto. Os colectivos defensores do reintegracionismo que apoian a manifestación teñen previsto ler manifestos alternativos, neste caso na Praza do Toural.
 
O vicepresidente da Mesa pola Normalización Lingüística, unha das entidades que se integran na plataforma Queremos Galego, Fran Rei, asegurou que as previsións de participación "son máis que positivas" xa que se dobrou o número de autobuses que acudiron á manifestación do 17 de maio.

Neste senso recordou que a mobilización do Día das Letras "foi convocada por unha entidade -A Mesa- e apoiada por moitas outras", mentres que esta convocatoria "é máis plural, máis diversa e vai ter un efecto de chamada moi importante", xa que hai máis entidades convocantes e máis que se adhiren.

Actos tamén na Galiza Exterior
A través dunha estrutura distribuída en 22 comarcas, Queremos Galego celebrou "máis de 50 actos na rúa, festas, concertos, actividades de todo tipo" para captar e sumar apoios de cara a este domingo; e estabeleceuse fóra de Galiza coa creación da plataforma Queremos Galego non Exterior -en Madrid-; e a súa próxima constitución en Bos Aires, a "quinta provincia galega". Ademais, organizáronse viaxes para acudir á marcha desde Portugal, Cataluña e Madrid.

Tamén, segundo puido saber Vieiros, á mesma hora no Orfeu Livraria Galego-Portuguesa, situado na Rue du Taciturne de Bruxelas, haberá un acto en apoio da manifestación. Cada un dos participantes nesta autoconvocatoria, "aberta e plural a todas aquelas persoas que se solidaricen en defensa da nosa lingua", lerán un texto en galego da súa elección -"un poema, un texto en prosa, unha cantiga, unha frase, unha palabra...".

Fran Rei afirmou que a manifestación deste domingo pretende ser "alegre, festiva e positiva". Neste senso, A Mesa nun comunicado enviado a todos os medios pediu que "ninguén que ame o galego fique na casa este domingo". Mais, a marcha -sinalou Rei- tamén ha ser "reivindicativa" contra "os plans lingüísticos deconstrucionistas" da actual Xunta, que pretende, dixo, "acabar coa presenza pública do galego naqueles ámbitos que a farían normal", denunciou.

Entre estas medidas do Executivo presidido por Alberto Núñez Feijoo, criticou a próxima derrogación do decreto do galego no ensino; o peche da rede de galescolas; a modificación da Lei de Función Pública para a eliminación dunha proba de galego nas oposicións; ou as axudas á tradución de libros en galego.

Apoio de todas as plataformas a prol do galego
A mobilización conta co apoio das plataformas Galego, patrimonio da humanidade, Galego Sempre Mais e ProLingua, integradas principalmente por cidadáns e cidadás anónimos mais tamén por destacadas personalidades de todos os ámbitos da sociedade.

A nivel político, PSdeG e BNG adeheríronse á marcha deste domingo, ao igual que TeGa, EU-IU, Partido Galeguista, FPG ou NÓS-UP. Tan só PPdeG e UPyD non manifestaron oficialmente o seu apoio. Entre os sindicatos, anunciaron a súa presenza CIG, CCOO, UXT, SLG e STEG.


5/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: