Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Asemblea de presentación da plataforma

Botadura oficial de ProLingua: dorna plural "para que non afunda a ilusión"

Unha iniciativa para que a lingua e cultura galegas non sexan condenadas a ser "un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".

R. Noguerol - 18:35 03/10/2009

Ilusión, rebeldía, esperanza, gañas de traballar, vontade de colaboración e optimismo inxectouse este sábado na asemblea fundacional da plataforma ProLingua. Unha iniciativa que botou a andar con masiva afluencia este primeiro sábado de outubro ao salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Interveu en primeiro lugar Francisco Fernández Rei, quen subliñou o escenario de preocupación e desalento do que hai uns meses xurdiu a idea de unir voces en favor de "crear algo apartidario e plural capaz de traballar a prol da visibilización da lingua" e para "devolver o idioma ao lugar que merece". Fernández Rei definiu a xornada como "un día feliz para acudir á botadura de Prolingua" á que comparou cunha dorna "de fasquía plural" e "símbolo do país". Botando man do vocabulario mariñeiro, continuou o profesor Fernández Rei apuntando que "mesmo no mal tempo a dorna é barco seguro se leva bo patrón ou patroa". Ao fío, advertiu que, logo dun tempo con vento lixeiro "de popa", para a lingua o vento chega agora de proa, ameazando freala. Por ese motivo, remitiuse ás verbas dos vellos mariñeiros, que tiran da expresión "voltaghear" para definir a estratexia de aproveitar os refachos para navegar nesa condición adversa.

"O que Galiza necesita"
"Estou en Prolingua porque quero estar cos bos, coa xente miña, e estou totalmente seguro de que temos razón e ademais non mentimos", expresou de seguido Xabier P. Docampo, de cuxa cabeciña saíu inicialmente a idea de crear algo semellante ao que agora abrolla como a plataforma Prolingua, e encargado de explicar máis polo miúdo os detalles do funcionamento do colectivo. "Sempre puxemos fe e traballo, pero agora hai que poñer algo máis", salientou en referencia á vontade de Prolingua de autofinanciarse coas achegas dos seus asinantes e renunciar a calquera subvención de institucións públicas ou privadas. "Dise que cada país ten o que merece, pero Galiza neste momento debe ter o que necesita", desafiou Xabier Docampo, instando os presentes ao compromiso activo para garantir que a plataforma poida desenvolver "unha chea de cousas visíbeis e necesarias" en favor da lingua galega.

Como primeira acción, Prolingua distribúe un pequeno pin co símbolo da plataforma. O abrocho, destacou Docampo, quere "visibilizar o orgullo da nosa lingua e a necesidade de defendela, promovela e falala". A curto e medio prazo, o escritor avanzou unha ducia doutras ideas que Prolingua pretende desenvolver, entre outras: a elaboración dun amplo argumentario "que contrarrestre as mentiras que se están a difundir", a distribución de colantes con lemas a prol da lingua, a promoción do galego en ámbitos como o da Igrexa ou o ensino e a organización dunha "gran marcha pola lingua" en maio de 2010.

"Motivos" plurais para o apoio a unha iniciativa plural
"Actuar en positivo" e despregar "accións sociais que ninguén fará se non as facemos nós", foron obxectivos destacados polo escritor Agustín Fernández Paz na defensa do nacemento de Prolingua, ao que definiu tamén como acción de "rebeldía ante o intento de deslexitimar dereitos dos galegofalantes". Evocou Fernández Paz á histórica Rosa Parks, figura clave do movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos e protagonista dunha faísca decisiva o día que se negou a cederlle o asento no bus a unha persoa branca. Recordou o escritor vilalbés as palabras de Parks: "Estaba farta de ceder e ceder", e considerounas inspiradoras á hora de reclamar para os galegofalantes igualdade de dereitos no país para que a nosa cultura "non sexa un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".

Falou tamén Mercedes Queixas quen repasou o contexto de represións e prexuízos que lle fora imposto a seus avós e pais e dixo estar segura de que a xeración de súas fillas "habita unha páxina en branco que entre todos podemos axudar a escribir" contribuíndo a que "estean orgullosas de quen son e de onde veñen". "A cidadanía debe marcar os tempos e ser o motor dos cambios", engadiu Queixas. "Eu estou en Prolingua por meus fillos", sentenciou tamén Henrique Costas. Pola súa parte, Pilar Ponte destacou unha vez máis a heteroxeneidade das persoas que apoian Prolingua arredor "dunha causa común que nos une: o galego". Da súa banda, e para ilustrar a tal pluralidade, Martin Pawley quixo cinxirse á breve lectura dalgunhas das ducias de profesións dos primeiros mil asinantes do manifesto: mestres, avogados, camareiros, historiadores, economistas, labregos, mariñeiros, un fareiro, farmacéuticos, editores, carteiros, libreiros, pasteleiros, veterinarios... Xosé Luís Rodríguez Pardo chamou a defender a lingua "como se fose a nosa vida". "Será, se todos queremos, Prolingua para sempre", arreboloulle ao auditorio. Finalmente, Rafael Cuíña, pechou a rolda de motivacións da decena de promotores que falaron inicialmente, recordando o paradoxo de súa infancia cando na escola lle impartiron "aulas de galego en castelán" e subliñou o seu "compromiso absoluto coa lingua" e a vontade de loitar contra "complexos de inferioridade" que lastran o idioma na sociedade.

O núcleo de traballo de Prolingua artellarano neste inicio un grupo de arredor de corenta persoas, entre os que están os antes mencionados, mais na asemblea quedou lanzada a chamada á colaboración e o traballo de todo aquel que queira realizar achegas de calquera tipo. Na web Prolinguagalega.org está toda a información ao respecto, incluídos enderezo electrónico e ligazóns a redes sociais. Prolingua constituirase a efectos formais como asociación, pero sublíñase que internamente seguirá un funcionamento "non xerárquico". En breve, comezará a constitución dunha rede de núcleos comarcais de apoio, información e traballo.

"Necesitamos máis ollos, máis mans, máis cerebros e máis corazóns, porque os inimigos da lingua son poderosos", advertiu Xabier Docampo. "Dependemos das nosas forzas... e xogamos na casa", animou.


4,79/5 (66 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Estampa dos membros de Prolingua que interviñeron este sábado na asemblea fundacional (Pique para ampliar) / Imaxe: Roxelio Xabier García Romero
Estampa dos membros de Prolingua que interviñeron este sábado na asemblea fundacional (Pique para ampliar) / Imaxe: Roxelio Xabier García Romero
De esquerda a dereita: Mercedes Queixas, Francisco Fernández Rei e Pilar Ponte
De esquerda a dereita: Mercedes Queixas, Francisco Fernández Rei e Pilar Ponte
Henrique Costas, Xabier Docampo e Mercedes Queixas
Henrique Costas, Xabier Docampo e Mercedes Queixas
Fernández Rei, Pilar Ponte e Rafael Cuíña
Fernández Rei, Pilar Ponte e Rafael Cuíña
Cuíña, Martin Pawley e Rodríguez Pardo / Todas as fotografías foron tiradas por Roxelio Xabier García Romero
Cuíña, Martin Pawley e Rodríguez Pardo / Todas as fotografías foron tiradas por Roxelio Xabier García Romero