O colectivo de escritores galegos, cataláns e vascos amosou a súa preocupación pola política lingüística da Xunta e exixiu o arquivo da causa contra Egunkaria.
Este luns clausurouse en Arántzazu, Guipúscoa, o encontro Galeusca 2009, que reuniu escritores galegos, cataláns e vascos arredor do lema "Literaturas minorizadas, grandes desafíos". Despois de catro días de debates, presentaron as súas conclusións.
O colectivo de escritores manifestou o seu apoio ás mobilizacións que terán lugar en Galiza, Euskadi e Países Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos e amosou o seu total desacordo coas accións regresivas con respecto á normalización lingüística adoptadas polo actual Goberno. Así mesmo, quíxolle facer chegar a súa solidariadade aos imputados no xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon Egunkaria, que terá lugar proximamente, e exixiu o arquivo da causa.
Por outra banda, sentaron as bases para desenvolver a Federación Galeusca, reforzando a súa estrutura organizativa, que contará con tres vocalías e cada unha das asociacións. Tamén acordaron avanzar en temas de propiedade intelectual e dereitos profesionais.
A presidencia rotatoria de Galeusca recaerá en Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, que organizará o próximo encontro anual. Releva, así, a Guillem Jordi Graells no cargo.