Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
25ª EDICIÓN DO ENCONTRO

Galeusca reivindica a creación literaria 'normal' malia aos intentos de involución

Entre o 6 e o 9 de novembro, escritores en galego, euskera e catalán debaterán en Valencia e Sueca sobre 'A paisaxe do eu'.

Marcos S. Pérez - 18:00 05/11/2008
Casa de Joan Fuster en Sueca

Casa de Joan Fuster en Sueca

Galeusca, o encontro que os escritores galegos, cataláns e vascos realizan unha vez ao ano, chega á súa 25ª edición. Celebrarase na Comunidade Valenciana, en Sueca e Valencia, que toman o relevo de Lugo e Mondoñedo, que acolleron a xuntanza do pasado ano. Nun tempo de confrontación dialéctica entre a concepción unitaria do Estado e os defensores do Estado Plurinacional, os autores de Galiza, Euskadi e Cataluña elixen nesta ocasión debater sobre a creación individual, centrando o seu encontro ao redor de 'A literatura e a paisaxe do eu'.

Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), é consciente de que estamos vivindo "un tempo no que os procesos de promoción das nosas linguas e literaturas están sendo respondidas de xeito moi duro cunha involución, negando os dereitos das nosas culturas". Precisamente por esa razón considera que é máis importante ca nunca "afondar nas raíces das nosas literaturas nacionais e devolver ao escritor ao centro da creación". "A literatura é un territorio libre", di Cesáreo Sánchez, que engade que esas presións "non poden condicionar as nosas creacións".

Sánchez conclúe citando a Mahmud Darwish, o escritor palestino recentemente finado, ateo e comunista, que reivindicaba "a normalidade da obra mesmo en condicións de non normalidade". O escritor, dende a súa individualidade, co seu pensamento, abre camiños para a sociedade, "pero nun certo punto as institucións dos países debe cumprir un papel, e creo que neste momento as nosas institucións si están no camiño; por exemplo a lei do libro e a lectura contén uns camiños que agora hai que percorrer", afirma o presidente da AELG.

Programa do Galeusca 2008

Os actos do encontro comezarán o venres 7 en Valencia cunha mesa redonda sobre 'Paisaxes propias' na que participarán Marilar Aleixandre, Edorta Jimenez e Julià de Jòdar. Pola tarde debaterase sobre 'O dietarismo, unha forma de reflexión', con Gotzon Barandiaran, Biel Mesquida e Xavier Queipo. Un paseo literario por Valencia e un concerto de Miquel Gil pecharán a xornada.

Os actos do sábado terán lugar en Sueca. Comezarán cunha mesa redonda titulada 'Este experimento que se chama eu', na que participarán Francisco Castro, Jon Martin e Eduard Ramírez. Haberá tamén unha lectura de textos a cargo de Josep Ballester, Igor Estankona, Manuel Forcadela, Vicenç Llorca, Elena Martínez, Fernando Morillo, Elvira Riveiro, Maite Salord e Anxos Sumai. O encontro pecharase cunha visita á casa-biblioteca de Joan Fuster.


Ligazóns

4,79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: