Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Piden explicacións

Os socialistas afirman que o "cerco" do caso Gürtel "se estreita" arredor de Feijoo

Mar Barcón e Pablo García avisan de que Pilar Farjas contratou en 2001 unha campaña sobre as vacas tolas cunha empresa da trama.

Redacción / Europa Press - 19:45 10/10/2009
Barcón e García, na súa comparecencia

Barcón e García, na súa comparecencia

A voceira do PSdeG, Mar Barcón, e o secretario de Organización, Pablo García, avisaron este sábado de que "o cerco se estreita" no PP galego ao respecto no 'caso Gürtel' tras coñecerse que a actual conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, "contratou unha campaña" en 2001 referente ás vacas tolas a unha empresa vinculada coa trama cando ostentaba o cargo de directora xeral de Saúde Pública da Xunta.

Ao coñecerse este extremo incluído na parte do sumario levantada, os dirixentes socialistas compareceron para volverlle reclamar ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, que "dea explicacións", posto que "se estreita o cerco" e afecta a "persoas do seu máis próximo ámbito", subliñaron.

Deste xeito, Mar Barcón mostrou a súa "preocupación" por que o cerco do Gürtel "se peche arredor do presidente en Galiza e que cada vez estea máis preto de Feijoo", ao tempo que lle esixiu que "en lugar de facer recomendacións aos seus compañeiros de Valencia, "dea explicacións" no país.

Barcón engadiu que o voceiro do PP na Coruña, Carlos Negreira, e Feijoo "contradinse" nas súas versións sobre a dimisión de Pablo Crespo (ex-secretario de Organización do PP e no cárcere pola trama) á fronte de Portos. "Feijoo ten que empezar por ser coherente", aseverou, para demandar "explicacións á cidadanía", posto que se trata de "cargos que non pertencen á prehistoria" do PPdeG, senón que ocupan responsabilidades na actualidade.

Pablo García dixo que "chegou o momento de que siga o exemplo (de Valencia) e deixe de negar as evidencias", aínda que os socialistas non pediron a dimisión de ningún dos cargos do PP que mencionaron. Tamén reclamaron explicacións sobre "por que Telmo Martín", actual voceiro municipal do PP en Pontevedra, cambiou a cualificación dun terreo "para beneficiar a unha empresa" da trama cando era alcalde de Sanxenxo; así como sobre se o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, realizou tamén un contrato para unha enquisa con implicados. A este respecto, os socialistas presentaron unha moción no ente provincial para pedir aclaracións.

Segundo o sumario do caso, en 2001 a Xunta contratou cunha empresa implicada unha campaña baixo o epígrafe 'Gastos Vacas Tolas. Campaña da Xunta de Galicia a favor do consumo de carne de vacún Ano 2001', por importe de 899 mil pesetas. Entón, a actual dirixente da carteira sanitaria era directora xeral de Saúde Pública da Xunta.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: