Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FINANCIAMENTO IRREGULAR

O PPdeG rexeita investigar a suposta débeda contraida co líder da trama Gürtel

Segundo un informe policial, o 'Bigotes' remitiu unha carta a Mariano Rajoy para reclamarlle o pagamento, en negro, dos gastos xerados na campaña das municipais de 1999.

Redacción - 10:00 28/09/2009
Pablo Crespo, involucrado no Caso Gürtel,  foi secretario de organización do PPdeG

Pablo Crespo, involucrado no Caso Gürtel, foi secretario de organización do PPdeG

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) xa adiantou que non abrirá ningún tipo de investigación para aclarar a suposta débeda adquirida coas empresas vecelladas ao investigado "Caso Gürtel". Así contestan dende o partido á información revelada pola Cadena Ser, na que se fai público un informe policial sobre a investigación, que volve a situar ao PPdeG no medio da polémica trama. Segundo revelou esta emisora, en base á documentación achegada pola Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF), Álvaro Pérez, o Bigotes, remitiu unha carta ao presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, para reclamarlle o pagamento desta débeda adquirida cando Pablo Crespo era secretario de organización do PPdeG.

Esta cantidade adebedada sería pagada en cartos negros e obedecería aos compromisos pendentes pola campaña das eleccións municipais de 1999. Esta carta, que permanecía depositada nunha caixa dun banco de Pontevedra, figura na documentación da UDEF. Ao parecer, Pablo Crespo acordou pagar máis dun 50% dos encargos a Special Events e ás restantes empresas implicadas hoxe na trama en diñeiro negro. Porén, logo do seu cese e do de Xosé Cuíña, substituído na secretaría xeral do PPdeG por Xesús Palmou, as débedas quedaron sen pagar.

Os populares defenden unhas contas limpas
Logo de que saltase a noticia, os populares galegos aseguraron "non ter constancia" da existencia deste documento e descartaron investigar o asunto, ademais de subliñar que, en todo caso, son uns feitos "que sucederon hai dez anos". O PPdeG adianta que "as nosas contas están limpas, son transparentes e están fiscalizadas polo Consello de Contas" e destacan que Pablo Crespo non ten, a día de hoxe, ningún vencello co partido que lidera Alberto Núñez Feijoo.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: