F. Arrizado - 19:25 30/09/2009
"Ao principio moitos cativos relacionan o moucho coa mala sorte e coa bruxaría. Porén, así que finaliza a nosa lección, danse de conta de que poden axudar a reducir os problemas ocasionados polas ratas", afirma na web de BirdLife Zimbabwe, o responsábel educativo desta asociación ornitolóxica, Rueben Njolomole.
A seguinte actividade que pretenden pór en marcha desde BirdLife Zimbabwe é a produción dun documental, co fin de desmitificar a imaxe sinistra desta ave rapaz nocturna entre toda a poboación cimbabuesa, onde como en outras moitos pobos do mundo simboliza tamén a morte. De conseguiren subvención, pretenden que o filme duns 30 minutos sexa emitido antes de fin de ano pola televisión a nivel nacional.
Recentemente, unha familia de Eastlea, Harare, contactou cos traballadores da asociación xa que desde había catro meses tiñan instalado un moucho vivindo ao carón da súa casa. Malia os intentos por o escorrentar, o animal renunciaba a abandonar o lugar. O pai temía que lles caera unha maldición.
"O moucho -que resultou ser un Otus leucotis, un moucho de orellas e cara branca- non quería deixar a súa fonte de comida (as ratas e outros roedores, unha praga en moitos lugares de Cimbabue), e pode que estivese domesticado e fuxise xa que non lle asustaban os humanos", explicou Njolomole.