Unha campaña recruta voluntarios co fin de acabar con todos os vertedeiros incontrolados: 20 de marzo de 2010.
É posíbel acabar con todos os vertedeiros incontrolados dun país en apenas unhas horas? Milleiros de portugueses e portuguesas cren que con vontade, apoio loxístico e organización colectiva si é factíbel. E para iso comezaron a organizarse en internet a través da campaña Limpar Portugal, que fixou como data para a gran limpeza o 20 de marzo de 2010. A iniciativa conta cun precedente que concluíu con éxito: o ano pasado 50 mil estonios recolleron en 5 horas 10 mil toneladas de lixo nos bosques do seu país.
A campaña Limpar Portugal parte dun movemento cívico baseado na adhesión de voluntarios por todo o país e ten como premisa non aceptar diñeiro. No seu lugar son ben recibidas colaboracións en especie, transporte, maquinaria, material de limpeza, etc. Con seis meses por diante, xa son máis de 5.200 persoas as inscritas para participar nesta acción. Ata o de agora, 232 concellos de Portugal contan con grupo de voluntarios.
Ao tempo que se conseguen adhesións e se buscan patrocinios, a campaña está a empregar as ferramentas web para organizar o traballo do 20 de marzo do ano que vén. Nunha conta de Wikiloc sitúanse os puntos con lixo, con información que facilitan os participantes na iniciativa. Por agora contan coa localización de 126 vertedeiros, con fotografías e comentarios para avaliar a súa dimensión e o traballo que será preciso para acabar con eles.
No espello de Estonia
Para poñer en marcha esta iniciativa, Portugal mirouse no espello de Estonia. Con 45 mil quilómetros cadrados de superficie e 1,3 millóns de habitantes, no país báltico a campaña cívica Teeme Ära (Imos Facelo) conseguiu o ano pasado sumar ao 4% da súa poboación (50 mil persoas). Xuntos acabaron con 10.656 puntos nos que se acumulaban 10 mil toneladas de lixo. O éxito foi tal que en só cinco horas remataran o traballo.
Os propios organizadores estonios calculaban que o Estado necesitaría tres anos e un gasto de 22 millóns de euros para facer o mesmo. Eles realizárono con traballo voluntario, medio millón de euros, o uso das novas tecnoloxías e unha forte campaña de comunicación e implicación social que deu a volta ao mundo. Agora a iniciativa salta a Portugal. Que país será o seguinte?