Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Secretaría xeral de Modernización

O Goberno seguirá a apoiar o software libre, mais 'sen imposición'

O executivo ten previsto impulsar os estándares e o código aberto e difundilos nas pemes e na sociedade en xeral.

M. del Río - 18:30 30/07/2009

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, desvelou este xoves cal vai ser a política da Xunta arredor do software libre, cumprindo o programa electoral do PPdeG. O anuncio produciuse despois de manter a primeira xuntanza coas tres universidades, o Cesga e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), á que tamén acudiu unha representación da Fundación Calidade.

Segundo explicou, a intención do Goberno é implantar o software libre en Galiza e fomentar o uso de estándares abertos. Para acadar este obxectivo, colaborará a prol do fortalecemento do sector empresarial das TIC, fomentará o uso do software libre nas pemes e potenciará a tradución do software ao galego e o soporte aos usuarios.

Aínda que as liñas de traballo se seguirán a perfilar en próximas reunións, Mar Pereira xa anunciou cales serán as actuacións máis importantes: analizar que solucións de calidade de software libre se poden aplicar en sectores estratéxicos do país, implantar de xeito efectivo de estándares abertos que coexistan cos sistemas propietarios estendidos e fortalecer a formación e a difusión do software libre. Nun comunicado entregado aos medios posteriormente, a Xunta expón a idea de que o software debe estenderse "por convencemento e non por imposición".

A partir do outono preténdese achegar o software libre ás pequenas e medianas empresas, para o que se poñerá en marcha un centro demostrador de casos de éxito desta modalidade de software, prestaráselles ás pequenas empresas un servizo integral de apoio e realizarase un estudo comparativo sobre onde se pode situar o software libre dentro do mercado de xestión empresarial.

O software libre implantarase en diferentes eidos. Así, o Goberno pretende fomentar o repositorio galego e compartir os seus contidos a nivel internacional, implantar estándares abertos e interoperábeis na Xunta, tanto nas comunicacións coa cidadanía como liberando o software elaborado con fondos públicos.

Tamén se prevé estabelecer un plan de formación para profesionais do sector TIC e para o profesorado, de xeito que se poida introducir o software libre entre os máis cativos, coa colaboración da Consellaría de Educación.

Mancomún e o PEGSI
A secretaria xeral afirmou que Mancomún terá continuidade, por ser unha iniciativa a prol do software libre, e que seguirá as liñas de actuación que se definan, aínda que non deu máis detalles. Tamén confirmou que o PEGSI seguirá vixente até 2010, como plan aprobado polo Parlamento, e que nese ano se redefinirá. O plan estratéxico que está a preparar o Goberno referirase á dinamización das novas tecnoloxías na Administración pública que, en todo caso, é o tractor e o cliente principal do sector TIC e da sociedade da información.


2,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: