A representante do BNG, Ana Miranda, promete defender dende "xa" os intereses de Galiza "como nación europea". Este martes, reciben os gandeiros.
Este martes comeza a lexislatura
O europarlamentario polaco, Jerzy Buzek, será elixido presidente do Parlamento Europeo, na primeira decisión simbólica -conta co apoio de populares, socialistas e liberais- dos eurodeputados na que será a sesión inaugural da Cámara este martes, nun momento en que a crise económica bate con forza en Europa, e esta non ten claro cara a onde camiña.
Dos 736 representantes da cidadanía europea, a metade son novatos con respecto á anterior lexislatura. Hai máis deputados novos e máis mulleres -só un 35%, porén. E tamén hai máis euroescépticos e máis dereita -e extrema dereita.
Estes últimos terán en fronte a unha galega (no escano número 250), nova e muller, mais nada novata: Ana Miranda, representante do BNG e futura eurodeputada, que xa anunciou que a formación nacionalista defenderá dende "xa" os intereses de Galiza "como unha nación europea".
"Cando me toque oficialmente ser eurodeputada do BNG -en 2012- asumireino, mais a defensa dos intereses de Galiza e doutros modelos que a teñan en conta como unha nación europea, comezan dende esta semana", asegurou.
Manifestación dos produtores leiteiros de Europa
Miranda asistiu até o momento ás diferentes reunións da constitución do Grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, que con 55 escanos é o cuarto do Parlamento Europeo e será chave en moitas decisións. Intégrano os partidos nacionalistas de Flandres, Escocia, Gales, Letonia, Córsega e Cataluña-Galiza-Euskadi.
Precisamente Os Verdes-ALE participará este martes na manifestación dos produtores de leite en Europa, en solidariedade coas "vítimas do dumping das grandes superficies e da exportación de leite". Dende o grupo defenden unha política agraria común que cubra os custes de produción dos gandeiros.