Dende este mércores ás 13 horas até o venres, os países economicamente máis importantes buscarán pechar o proceso de liberalización comercial.
A cimeira do G8, que comeza este mércores ás 13.00 horas na cidade italiana de L'Aquila, concluirá o vindeiro venres cun acordo para lograr o peche das negociacións da rolda de Doha, o proceso de liberación comercial que se discute dende hai máis de oito anos, antes de que finalice 2010.
O diario económico italiano Il Sole 24 Ore, informa de de que este compromiso se incluirá nunha declaración conxunta do G8 e do G5 (China, India, Brasil, México e Suráfrica) que teñen previsto reunirense este xoves no marco do encontro de xefes de Estado e de Goberno de L'Aquila.
Segundo o xornal, nun borrador do comunicado estabelécese que os líderes deses 13 países darán instrucións aos ministros de comercio para que se reúnan antes da cimeira do G20 de setembro en Pittsburg (Estados Unidos).
"Contrarrestar a caída dos intercambios internacionais"
Il Sole 24 Ore sinala que o peche da rolda de Doha servirá para contrarrestar a caída dos intercambios internacionais, que se contraerán un 10% este anos segundo a Organización Mundial do Comercio (OMC).
O rotativo reproduce as declaracións do director xeral da OMC, Pascal Lamy, que participará na reunión de L'Aquila, nas que no entanto non quixo comentar a hipótese dun peche da rolda de Doha. "Poderei ser máis preciso logo da discusión do G8 e o G5", manifestou.