Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IX ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Onde o mar é un museo

Muros acolle, de xoves a domingo, unha nova edición destas xornadas, que se achegan á navegación dende distintas perspectivas.

Redacción - 16:45 09/07/2009

O cerne do encontro son as xornadas técnicas que terán lugar o 9 e o 10 na Casa da Cultura sobre Ecomuseos e desenvolvemento sostible, coa participación de expertos na materia de Cataluña, Francia, Croacia, Portugal, Andalucía, e tamén Galiza, por exemplo os proxectos das contrarías de Fisterra, Lira e O Pindo ou a intervención de Xerardo Triñanes ds Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira. As embarcacións navegarán de xoves a domingo de 11.00 a 14.00 polas mañas, e de 17.00 a 20.00 polas tardes. O xoves na abra murada; o venres pola mañá haberá unha regata a remo e a vela, e pola tarde os barcos dirixiranse á illa da Creba (Esteiro); o sábado o destino será Monte Louro, con varada en San Francisco.

O programa inclúe cinema, todos os días ás dez e media da noite, coa proxección de Liste, pronunciado Líster, de Margarita Ledo (xoves), A Mariñeira, de Antón Dobao (venres), Os Crebinsky, de Miguel de Lira e Quique Otero (sábado) e De Profundis, de Miguelanxo Prado (domingo). Tamén teatro, con representacións na rúa á noitiña na Pista da Axesta, a cargo de Quinquilláns, Picompé e Viravolta e Pistacatro.

Unha das iniciativas máis interesantes chámase Unha mensaxe ao mar, e nela participarán, o domingo ás 11.30, un total de once escritores e once artistas plásticos vinculados ao territorio comprendido entre 0 Barbanza e Fisterra. Entre eles Antón Sobral, Maribel Longueira ou Soledad Penalta, entre os artistas visuais; e Alexandre Nerium, Ana Romani, Concha Blanco, Estevo Creus, Eva Veiga, Luís Rei Núñez, María Lado, Marilar Alexandre, Miro Villar, Modesto Fraga e Suso de Toro, entre os escritores.

Haberá tamén exposicións, unha recreación da descarga tradicional da sardiña e música. A partir do xoves haberá música todos os días no Curro da Praza; o primeiro día estarán Doommsday Clok, Trapos sucios, Som do Galpom; o venres será a quenda de Suso de Siornes (regueifeiro) Treixadura e Quempallou. E o sábado actuarán Trio Vaamonde, Lamas e Romero e Susana Seivane.

Encontro blogueiro
O evento inclúe un Encontro Blogueiro Aberto de Cultura Marítima e Fluvial, coa intención de fomentar o mutuo coñecemento e o diálogo entre todas as persoas que administrando blogs (ou calquera outra ferramenta interactiva de comunicación), constrúen e amplían o espazo na rede da Cultura Marítima e Fluvial. O encontro celebrarase o Sábado 11 de Xullo ás 20 horas no Telecentro da Casa da Cultura de Muros, habilitada con conexión a Internet e un proxector que permita aos relatores apoiar as súas intervencións en imaxes obtidas dos ordenadores conectados á rede. A inscrición realizarase mediante correo electrónico a través de encontroblogueiro@culturamaritima.org.

Consulta aquí o programa completo (.pdf)


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: