Na bitácora de cultura marítima "Singradura da Relinga" poden ler a entrevista colectiva realizada a Manuel García Sendón, presidente da comisión organizadora.
Manuel García Sendón, presidente da Comisión Organizadora do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
A festa da cultura marítima e fluvial do país, IX Encontro de Embarcacións Tradicionais, terá lugar este ano en Muros, entre os días 6 e 12 de xullo. A cita vénse celebrando con periodicidade bianual desde o ano 1993, mudando de localización en cada unha das súas edicións. O evento está impulsado pola Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF).
Singradura da Relinga: O dinamismo da Cultura Marítima organizada manifestouse neste encontro con dúas candidaturas optando á sede do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais, que foron Vilagarcía e Muros. A labor de conformación dunha candidatura para un evento da importancia e dimensión da que posibelmente é a principal cita da cultura marítima peninsular, supón un intenso traballo de concertación e posta en común, pódesnos explicar como foi, e continúa a ser este proceso e explicarnos cales foron os principais argumentos que decantaron a balanza do lado muradán fronte á candidatura de Vilagarcía, da que nos gustaría tamén, desde o teu coñecemento, nos apuntases os puntos fortes?
Manolo G. Sendón: Non vou entrar a valorar a candidatura de Vilagarcía, que tiña sen dúbida méritos sobrados e mellores instalacións e capacidade hoteleira moi superiores ás nosas, de maneira que foron outros os factores que determinaron a escolla de Muros. Velaquí os máis salientables:
1.Unha ubicación nova que permite espallar o ideario e o labor da Federación. Nunca na ría de Muros e Noia se celebrara un Encontro. Por outra banda, Muros dá remate ás Rías Baixas e dá inicio á Costa da Morte, o que nos permite implicar unha enorme bisbarra.
2.A propia singularidade da vila de Muros: é un marco perfectamente acaído por ser a única vila mariñeira declarada conxunto histórico, que está en proceso de rehabilitación e conserva a tradicional fasquía mariñeira, tanto na súa estrutura de conxunto como na maioría das edificacións.
3.Muros e a súa contorna posúen un extraordinario patrimonio marítimo construído. A baixa presión urbanística (respecto a outras zonas da beiramar galega) permitiunos conservar moitos e variados elementos dese patrimonio. Algún rehabilitouse, outros están en proceso e os máis están durmidos ou abandonados pero pódense recuperar. Esperamos que a celebración do Encontro e o seu desvelamento e tratamento nas Xornadas sirvan de pulo para a súa recuperación e posta en valor.
4.A bisbarra muradá é pioneira en Galicia nalgunhas iniciativas vencelladas aos propósitos da Federación. Verbo disto salienta o labor da Confraría de Lira a través dos proxectos de Mar de Lira: turismo mariñeiro, pesca sustentable, reserva mariña dos Miñarzos, etc.
5.Outro factor importante foi o carácter colectivo da candidatura. Se ben foi asinada e presentada en principio polas asociacións Mar de Muros e Canle de Lira, co respaldo do goberno municipal de Muros, axiña se implicaron outras: varias asociacións da propia vila de Muros (Xubimar –xubilados do mar de Muros-, asoc. xuvenil Praia do Castelo, asoc. de empresarios) Mar de Noia, Terra de Outes, Colectivo de cultura mariñeira de Esteiro, asocs. cultural e de veciños da Abelleira; as confrarías de Muros e de Lira; os asteleiros do Freixo...
Este proceso aínda non rematou nin no propio Muros nin na bisbarra. Pero antes de seguir implicando colectivos, queremos ter establecidas as liñas xerais do Encontro para podermos gobernar tantas agrupacións.
Tamén foi importante a implicación e colaboración de moitas persoas, da bisbarra e de fóra, que están a poñer e poñerán o seu tempo e saber ao servizo do Encontro.
A entrevista completa na bitácora a Singradura da Relinga