Ao autor deste libro, presentado este martes na CEG, non lle casa nin o orzamento, nin os prazos, e reclama "máis belixerancia" para conseguir un acordo xusto con Galiza.
Este martes presentábase en Compostela, na sede da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) o libro El Ferrocarril en Galicia-2 (O Ferrocarril en Galiza-2), publicado pola editorial Ir Indo, e escrito polo enxeñeiro técnico de obras públicas Xosé Carlos Fernández Díaz. O volume é unha continuidade dun primeiro traballo, elaborado tamén por Fernández Díaz en 2006, mais desta volta céntrase máis en analizar as estruturas ferroviarias coas que conta Galiza no presente, e prever un panorama futuro.
Porén, na presentación do libro, o seu autor foi altamente crítico coa xestión que se está a facer do sistema ferroviario que pasa por Galiza, así como coas promesas dos gobernos españois sobre a chegada da Alta Velocidade ao país. Fernández Díaz dixo que non lle cadraban nin os prazos nin os orzamentos, e criticou o que deu en chamar "eufemisticamente", "fuxidas cara adiante" as políticas desenvolvidas, "durante máis de oito anos", polo goberno español sobre a chegada do TAV a Galiza, mais tamén sobre a mellora das vías ferroviarias existentes na actualidade.
Brincando coas novelas ou filmes que teñen sempre unha secuela, Fernández Díaz prognosticou a chegada da liña de alta velocidade a Galiza cando el saque "o décimo libro". A seguir, recalcou que os políticos españois "queren fuxir do problema sen facerlle fronte ás realidades, darlle continuidade as mensaxes até onde non é posíbel, porque os enganos, as mentiras e as falsas promesas non se poden manter", recalcou.
O autor de El Ferrocarril en Galicia-2 tamén demandou concreción nos plans, máis belixerancia dende o Goberno Galego, dende as asociacións empresariais, cámaras de comercio e asociación de veciños para conseguir un acordo xusto con Galiza, unha Comunidade, sinalou "que foi maltratada durante anos no que se refire á mellora de infraestruturas".
Algunhas eivas da nosa rede ferroviaria
"Seguimos sen ter planificación ferroviaria, non sabemos cal vai ser nin por onde vai ir a rede definitiva, que liñas van existir, que ancho van ter, se van estar electrificadas, se só van ir viaxeiros, se van ser mixtas -tamén reservadas para tráfico de mercadorías-, se van ser compatíbeis coas de proximidade...", sinalou Fernández Díaz, ao tempo que salientaba que todas as preguntas que aínda están por resolver sobre a chegada do TAV a Galiza están no final do seu primeiro capítulo. "Ninguén sabe cara onde vamos", recalcou, "descoñecemos completamente como se vai explotar a rede ferroviaria galega".
Citou algunhas outras "eivas" do TAV planeado por Fomento, como o tramo entre A Coruña e Ferrol; o xeito de unir Ourense e Vigo -"se vai pola rede secundaria, perderíanse 20 minutos, co que non sería competitivo con outros medios de transporte, como o avión-; o esbandallamento da liña convencional do Eixo Atlántico, "deixando pobos ser servizo, hipotecando o transporte de mercadorías, e afectando o tránsito cara as cidades, que tampouco gozan dun bo sistema de ferrocarril de proximidade"; o feito de que non se citasen, en ningún dos proxectos, o acceso aos portos, entre outras cousas.
O "engano" dos orzamentos
Fernández Díaz, quen estaba apoiado na presentación polo presidente da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), Manuel Fontenla; o editor de Ir Indo, Bieito Ledo; e o presidente da Comisión de Infraestruturas da CEG, Manuel Martínez Rapela, tamén criticou o sistema de financiamento para a chegada do TAV a Galiza. Sinalou que o goberno español "enganara" a opinión pública facéndolle crer que se van investir "catro mil millóns de euros" este ano nas obras do TAV, cando estes cartos "son para licitacións, e en 2009 só se van poder gastar 500 millóns, "xa que os 250 millóns destinados ao tramo Ourense-Lubián pérdense, engadíndose aos perto de dous mil millóns perdidos en anos anteriores", recalcou o autor deste libro.
"Os plans para Galiza e os investimentos foron postergados ou abandonados, mentres os cartos pagados por todos os galegos, foron investidos noutras comunidades", dixo Fernández Díaz, sinalando que Galiza debería demandar "que lle compensen as subvencións que ten feito" a outros lugares que agora "son máis competitivos ca nós".
Nesta liña, demandou unha resposta "civilizadamente máis belixerante" por parte da sociedade galega: "en catro anos -de goberno bipartito- deixámonos enganar, non sei se consciente ou inconscientemente, pero agora cómpre unha resposta".
"Eu aposto polo ano 2017 e créanme, cando aposto non perdo"
Alén disto, Fernández Díaz dixo non crer no prazo facilitado polo ministro de Fomento na xuntanza mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo -2015-: "pode ser críbel para quen queira crer nese prazo, pero é imcumpríbel, sobre todo se non hai financiamento". Porén, a pesar de criticar as xestións de Fomento, Fernández Díaz tamén sinalou que estando Blanco ao cargo da carteira de Fomento, mudou o trato que se lle dispensara durante anos a Galiza. Nesta liña, tamén criticou o goberno galego, por non pelexar polas competencias en materia de ferrocarril e pactar "o silencio" co goberno español, mentres se decide en Madrid o futuro ferroviario galego.
Na presentación do volume tamén falou Antonio Fontenla, quen presentou o libro coma "a enciclopedia do ferrocarril de Galiza", sinalando, con ironía, que lle falta "un epílogo", o que significa que "xa estariamos gozando" dalgunhas "vantaxes", como a chegada do TAV. Polo seu lado, o editor do libro, Bieito Ledo, sinalou que se trataba dun volume que continuaba un primeiro libro que se converteu no "de cabeceira" de moitos movementos sociais e políticos, e que "deixou a evidencia o tren co que nos querían enganar". Na súa quenda, o presidente da Comisión de Infraestruturas da CEG, Manuel Martínez Rapela, lembrou o tempo que os empresarios galegos levan avogando polo TAV, "dende que se terminou o de Sevilla", e reivindicando "non só os prazos, senón tamén a calidade das infraestruturas". A seguir tamén dixo que a Xosé Carlos Fernández, ao que chamou "colaborador permanente e ecuánime nas opinións", "nalgún momento Galiza terá que recoñecerlle todo o que está a facer por ela".