A Universidade de Florida descubriu que os animais de laboratorio que consumiron medio gramo de cafeína diario melloraron nas probas.
Segundo unha investigación da Universidade de Florida, o consumo de café pode paliar a perda de memoria que produce a enfermidade de Alzheimer. O estudo, efectuado en ratos, suxire que a cafeína bloquea a produción da proteína que dá lugar á doenza.
Porén, expertos británicos aseguran que o estudo, publicado no Journal of Alzheimer's disease, non quere dicir que os pacientes coa doenza teñan que comezar a consumir suplementos de cafeína. O traballo estadounidense realizouse en 55 ratos criados para desenvolveren síntomas da enfermidade. Á metade mesturóuselles cafeína na auga de bebida, o equivalente a cinco cuncas diarias. Segundo os investigadores, en realidade correspóndese a dúas cuncas de cafés "especiais", a 14 de té ou a 20 refrescos con cafeína.
Dous meses despois, os ratos que consumiran cafeína amosaron respostas moito mellores en probas de medición de memoria, ao nivel de animais da súa idade sen demencia. Os que só beberan auga seguiron a dar malos resultados.
Os roedores tratados tamén amosaron a metade da proteína beta amiloide, que forma as aglomeracións destrutivas nos cerebros de pacientes afectados pola doenza de Alzheimer. Agora os investigadores esperan poder comezar a facer probas en humanos coa mesma cantidade de cafeína, uns 500 miligramos diarios, aínda que as persoas con tensión alta e as mulleres grávidas deben limitar esa dose.
Non son tan optimistas os expertos consultados pola BBC, que aseguran que aínda é moi cedo para saber se se producirán os mesmos efectos nos seres humanos, e que é preciso practicar moitas máis investigacións.