Toma o relevo da República Checa marcando como prioridades a prevención dos efectos da crise financeira e o cumprimento de Quioto.
Suecia toma esta cuarta feira o relevo da República Checa e asume a presidencia da Unión Europea (UE), coa loita contra a mudanza climática e contra a crise financeira e os seus efectos como prioridades na súa xestión.
O actual goberno sueco, formado por una coalición de centro-dereita, definiuse como pro-europeo, pero a maioría da sociedade sueca olla a Europa con distancia e escepticismo.
Contra a crise e polo cumprimento de Quioto
O primeiro ministro sueco, Fredrik Reinfeldt, explicou esta terza feira que unha das misións neste semestre próximo será a prevención de máis crises financeiras. Suecia agarda chegar a un acordo entre os Vintesete, durante a cimeira de outubro, sobre o novo sistema de reforzo da supervisión das entidades financeiras. Alén disto, a nova presidencia quere que os gobernos europeos comecen xa a pensar estratexias coordinadas para sacar as finanzas públicas da situación na que se atopan.
A outra prioridade da nova presidencia será o cumprimento do obxectivo do Protocolo de Quioto, ou a superación deste, que debería redactarse e aprobarse na Conferencia Mundial sobre a Mudanza Climática que se desenvolverá en decembro en Copenhague. Neste sentido, Suecia pode ser un bo exemplo para o resto de Europa, xa que é un dos países que cumpre cos límites estabelecidos no protocolo e hai 20 anos que introduciu unha fiscalidade sobre o CO2.
Por outro lado, tamén está aínda pendente a constitución do novo Parlamento, que estará completado a mediados de xullo. Pero a UE continuará funcionando a medias mentres non se resolva a incerteza creada arredor da aprobación do Tratado de Lisboa, pendente dun referendo que se ha desenvolver no outono en Irlanda, o único país que hai un ano lle deu un "non".