Os manifestantes advertiron do perigo que supoñerá o porto deportivo para a ría e insistiron en que é un proxecto ilegal.
Galiza non se vende exixiulle este sábado á alcaldesa de Cangas, Clara Millán, a paralización das obras do porto deportivo de Massó e instou a Autoridade Portuaria de Vigo a cesar os recheos na ría.
Varios centos de persoas, máis de mil segundo a organización, manifestáronse dende a Alameda Vella de Cangas até a zona do Salgueirón, onde se levan a cabo as obras de construción do complexo turístico, onde insistiron na ilegalidade do proxecto e lembraron os danos que levarán consigo as instalacións.
Segundo o Foro Social de Cangas, incluído en Galiza non se vende, as obras de Massó son "un atentado ecolóxico" que, de completarase, suporían a perda de 500 empregos no mar e, en xeral, un ataque á veciñanza de Cangas. Apuntan como "cómplice" a alcaldesa e o seu socio de goberno, o socialista Héctor Otero.
Galiza non se vende acusa Millán de "prevaricación" por "non lles facer caso" aos informes que emite a concellaría de Urbanismo do concello cangués, dirixida por Mariano Abalo, que participou activamente na protesta.
"A alcaldesa non paraliza as obras porque se está a basear en informes manipulados, presentados en 2008 e realizados pola secretaría do consistorio", denunciaron. Segundo o colectivo, o documento está baseado nun acordo acadado no ano 2001, "totalmente manipulado" e condicionado á existencia dun Plan de Usos "especial" que "nunca se aprobou".
Ademais de Galiza non se vende, participaron na manifestación representantes de todos os grupos contrarios á construción do porto deportivo de Massó, veciños e membros da confraría de pescadores San Xosé, que organizou a marcha.