O ministro de Asuntos Exteriores israelí rexeitou as medidas presentadas dende Washington para sentar as bases das negociacións de paz.
Lieberman e Clinton
O ministro de Asuntos Exteriores israelí, Avigdor Lieberman, rexeitou esta cuarta feira ante a secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinton, que o goberno hebreo vaia deter a construción de asentamentos xudeus en Cisxordania, a pesar das insistencias de Washington, que procura sentar as bases para as negociacións de paz cos palestinos.
"No temos ningunha intención de modificar o balance demográfico en Xudea e Samaria", indicou Lieberman durante a súa xuntanza con Clinton en Washington, na que era a súa primeira visita oficial aos EUA dende que chegou ao cargo. "Onde naces tes dereito tamén a morrer, e non podemos aceptar a visión de pór fin por completo ao mantemento das construcións. Debemos continuar co crecemento natural", explicou, amosando así a postura hebrea, cada vez máis irreconciliábel coa dos Estados Unidos, que ve no fin dos asentamentos o punto de partida do proceso de paz.
Por outro lado, Lieberman tamén deixou claro que Israel segue a estar preparada para retomar "conversas directas" cos palestinos. Pola súa parte, Clinton reiterou que Washington considera que conxelar os asentamentos é un paso "relevante e esencial" de cara a iniciar as negociacións en Oriente Próximo. A xefa da Diplomacia estadounidense dixo que o enviado especial á rexión, George Mitchell, tería en conta "determinadas preocupacións críticas". "Hai moitas cuestións que nos preocupan, e que serán estudadas polo senador Mitchell, quen se vai encargar de pleno da mellora das relacións entre palestinos e israelís", concluíu Clinton.