Segundo Callón, o conselleiro transmitiulles que aprobará un novo decreto aínda que non conte co respaldo de oposición, familias nin profesorado.
"Cordial pero con moitos momentos de tensión". Así definiu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a xuntanza que mantivo este luns co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. "Dende a Mesa transmitímoslle o noso rexeitamento á derrogación do decreto actual", di Callón, e "quixemos saber que ían facer se non contaban co respaldo nin do BNG, nin do PSdeG, nin das familias ou do profesorado". Segundo explica, Vázquez asegurou que levarían igualmente adiante a proposta, polo que, ao entender da Mesa, "non buscan consenso ningún: falar con todos si, pero cremos que o conselleiro ten xa a proposta de decreto no caixón, polo que a pseudoconsulta aos pais, ademais de tendenciosa e sen rigor, non é máis que un paripé para xustificar unha imposición unilateral e sen diálogo dunha norma que vaia contra o ensino en galego".
Canto custarán as enquisas aos cidadáns?
Outra cuestión que preocupou aos dirixentes da Mesa pola Normalización é a do custe que terá todo o proceso iniciado por Política Lingüística. "Temos que saber canto están gastando nesta farsa", di Callón. Se ben os últimos datos publicados en prensa falaban de 198 mil euros, o conselleiro non quixo precisarlle esta cantidade aos responsábeis da Mesa. "Parécenos, ante todo, un despilfarro de diñeiro público e queriamos saber a canto ascendía: as contas non cadran, porque hai que ter en conta o custe de imprimir, distribuír, recoller e clasificar 330 mil formularios, uns gastos que nós estimamos en non menos de 800 mil euros".
Callón subliña que cunha cantidade coma esta se podería dar un "verdadeiro impulso á política educativa deste país" e insiste en que esas contas sexan públicas. "Nun tempo de crise coma este e no que enchen a boca falando de austeridade, como poden adicar tanto diñeiro a esta pseudoconsulta?", insiste, ao tempo que recorda que ao custe da enquisa en si hai que engadir os cartos adicados á campaña de publicidade que nos pasados días ocupaba as páxinas de diferentes medios de comunicación. Ademais, pregunta tamén polos criterios empregados para inserir esa campaña publicitaria en medios informativos.