Mercará bonos por valor de 10 mil millóns de dólares e o presidente brasileiro espera que o seu país poida agora influír nunha posíbel reforma do organismo.
"No pasado era ao contraio: o Fondo Monetario Internacional (FMI) emprestaba ao Brasil, o que nos socorría cando o país era menos sólido. Agora, acadamos a solidez e reservas suficientes como para poder axudar á comunidade internacional, principalmente aos países que están en dificultades". Así explicaba o ministro de Facenda, Guido Mantega, o que considerou un "fito histórico": que Brasil prestará uns 10 mil millóns de dólares ao FMI.
Este préstamo farase mediante a compra de bonos emitidos polo organismo. Con todo, os intereses que recibirá a cambio aínda deben de ser decididos, se ben Brasil xa adiantou que agarda que o rendemento sexa alto. Con esta decisión, o país sudamericano únese a outras grandes economías emerxentes que tamén contribuirán ao FMI. Así, por exemplo, China prometeu outros 40 mil millóns para a entidade e Rusia outros 10 mil millóns.
Capacidade para intervir
Pola súa parte o presidente brasileiro, Lula da Silva, subliñou que agarda que, mediante este préstamo, o seu país consiga influír nunha posíbel reforma do organismo. "Iso dános unha autoridade moral para seguir exercendo presión para que se fagan cambios que son necesarios no FMI", dixo o presidente.
Mentres, a decisión foi ben recibida polo director xerente do organismo, Dominique Strauss-Kahn, quen dixo que a medida amosa o liderado de Brasil entre os países emerxentes. Nesa liña, destacou que estes recursos contribuirán a reforzar os do Fondo para axudar aos países membros a superar a crise económica global.