O comité presentará este venres unha contraproposta á última oferta formulada pola empresa, na que xa non figura a extinción de todos os contratos.
Sospeitan que a produción se está a derivar cara outras fábricas do mesmo grupo empresarial
A retirada do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) sería a mellor solución para a empresa e para os traballadores. Así o entende o avogado que representa ao cadro de persoal da planta de Pascual en Outeiro de Rei, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, quen afirma que a autoridade laboral rexeitará o procedemento se se esgotase o tempo de negociacións.
Como xa explicaba hai uns días para Vieiros, para que o expediente prospere, a empresa deberá demostrar causas económicas, organizativas, tecnolóxicas ou de produción. Non obstante, segundo os traballadores, ningunha delas está fundamentada. Precisamente agora andan reunindo probas para demostrar que o grupo burgalés está desviando a produción da súa planta de Outeiro de Rei cara outras factorías, o que incidiría aínda máis na viabilidade da empresa. Na actualidade Pascual segue recollendo 2,2 millóns de litros de leite á semana, dos que 1,2 son envasados na planta de Outeiro de Rei. Porén, a comezos de ano, antes de que iniciase todo o proceso, a factoría lucense transformaba até catro millóns de litros.
Ademais, os traballadores comprobaron que se están a realizar trasvases de leite de cisternas rotuladas co anagrama de Pascual a outras nos lugares máis diversos, como vías secundarias ou aparcadoiros. Así, sospeitan que esta produción se dirixe cara outras fábricas do mesmo grupo empresarial. Agora están a recompilar unha ampla información que o corrobora, tanto documental como gráfica.
Xuntanza o vindeiro venres
Na última das reunións entre traballadores e empresa, a patronal trasladou unha proposta alternativa para que un terzo dos traballadores foran regulados temporalmente durante catro meses e o resto vise extinguidos os seus contratos con baixas incentivadas ou mediando o ERE de extinción. Esta iniciativa, malia que foi considerada como un positivo paso adiante por parte do cadro de persoal, foi rexeitada amplamente.
Agora, a vindeira xuntanza celebrarase este venres en Benavente, onde se agarda que os representantes dos traballadores presenten a súa contraoferta. Malia que Rodríguez Feixoo non quixo adiantar os termos desta nova proposta, sen que antes os coñeza a outra parte, asegura que se "están a valorar diferentes alternativas".
Mentres, e logo de recibir o apoio de todas as administracións, o comité de empresa manifestárase novamente este mércores en Lugo. Cun cadaleito ás costas, percorrerán as rúas de Lugo para chegar até a catedral, onde escenificarán o enterro de Expediente de Regulación de Emprego que lles está a afectar.