O xurado tamén decidiu concederlle un accésit ao escritor lugués Marcos Abalde Covelo.
Pilar García Negro
A quinta edición do Premio de Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo xa ten gañadora: María Pilar García Negro. O xurado considera que o artigo “A nena que berra” describe dunha maneira “moi plástica e moi visual” a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán. O galardón está dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en diferentes medios do país, entre eles Vieiros.
Pilar García Negro, profesora de Filoloxía na Universidade da Coruña, é unha recoñecida experta en literatura e sociolingüística. Na actualidade dirixe a Fundación Bautista Álvarez. O xurado, composto por Belén Puñal (redactora de Tempos Novos); Goretti Sanmartín (directora do Servizo de Normalización da UdC); e Nel Vidal (técnico de normalización no Concello de Carballo) tamén decidiu outorgar un accésit, sen dotación económica, ao artigo “Gz Power”, do escritor lugués Marcos Abalde Covelo.
A entrega do premio terá lugar este venres, ás 21 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. No mesmo poderase ver tamén o espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño.