O escritor galego recibiu o galardón pola súa obra "Canibalismo", unha reflexión sobre as relacións humanas.
O Premio Josep Robrenyo da Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET), dotado con 3.000 euros e dirixido a autores menores de corenta anos, valora especialmente a innovación dramatúrxica e os textos presentados podían estar escritos en castelán, catalán, galego ou éuscaro. A obra gañadora de Marcos Abalde Covelo, Canibalismo, será publicada na revista "Assaig de Teatre" o ano vindeiro e ao longo do ano 2008 farase unha lectura dramatizada na sede do Ateneu Barcelonès.
Ao certame presentábanse un total de 43 textos e a obra laureada contou co fallo unánime do xurado, formado por Manuel Molins, autor teatral, Manuel Serrat Crespo, escritor, tradutor e autor teatral, Iolanda G. Madariaga, crítica teatral, Araceli Bruch, autora, directora e actriz de teatro, e estaba presidido por Maria-Josep Ragué, profesora da Universitat de Barcelona, crítica teatral e coñecedora da literatura dramática galega contemporánea. O premio foi recollido en nome do autor nun acto o pasado luns 21 no Ateneu Barcelonès.
Segundo nos di Marcos Abalde en conversas con esta redacción, este premio axuda a renovar un bocadiño a literatura dramática galega. A súa obra Canibalismo tenta ser unha reflexión sobre "a facilidade que temos os seres humanos en devorármonos os uns aos outros, de relacionármonos a partir da eliminación do outro".