"Pódenche quitar as terras", alarmaban pasquíns repartidos polo PP na campaña electoral. Xa no Goberno, os populares fan contraditorias declaracións.
"Xa escoitamos de todo, que é un instrumento útil e o contrario, cuestionando aspectos por ser excesivamente intervencionista", reprochoulle este xoves Tereixa Paz, deputada do BNG, á Consellaría de Medio Rural, ao respecto do Banco de Terras (Bantegal). A deputada nacionalista instou a Xunta a deixar "o baile da yenka" e aclarar as liñas de actuación ao respecto deste instrumento creado polo anterior executivo.
Recordou Tereixa Paz a posición belixerante do PPdeG fronte ao Bantegal durante a súa tramitación, e censurou "os panfletos" nos que o contorno dos populares acusara de "sovietización" a iniciativa ao tempo que espallaba "ameazas de expropiación das terras" entre veciños de diversos concellos do país.
En comisión parlamentaria, a deputada do Bloque defendeu o modelo deseñado polo anterior equipo da Consellaría de Medio Rural, pilotada polo nacionalista Alfredo Suárez Canal. Entre outros, salientou Paz a interese da FAO polo proxecto e a intención deste organismo da ONU de exportar a iniciativa a varios lugares "como exemplo pioneiro e eficaz de aproveitamento de terras improdutivas". A voceira do BNG pediulle así ao PPdeG que "abandone a actitude pouco construtiva de deostar todo o traballo feito polo goberno anterior". Na opinión da deputada ourensá, a Xunta debe seguir apostando por dar a coñecer entre a poboación o Bantegal aproveitándoo como "instrumento vital para lograr frear o abandono do territorio e para mellorar a competitividade das explotacións".