A institución internacional subliña a utilidade do proxecto galego para o aproveitamento da superficie agraria útil abandonada.
“As recentes experiencias de Galiza en bancos de terras, xestión forestal e uso da terra que foron compartidas cos participantes do seminario foron de gran relevancia e proporcionaron información moi importante para replicar este coñecemento”, sinala Maria Kadlecikova, subdirectora da oficina para Europa e Asia Central da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación. A FAO confirma así que a iniciativa galega foi adaptada nas recomendacións de estratexias de desenvolvemento rural do condado de Medimurje, en Croacia, e avanza que será introducido tamén nos plans para Bosnia Herzegovina e Albania.
Representantes da FAO amosáranlle en febreiro pasado á Consellaría de Medio Rural o seu interese por adaptar este modelo de xestión a outros países. Foi durante o sétimo encontro do organismo sobre tenencia de terra e concentración parcelaria, celebrado en Galiza, e onde participaron representantes de 20 estados para coñecer o modelo de xestión das terras que se está a desenvolver aquí.
A FAO confirma agora a súa convicción da utilidade do Bantegal como modelo de aproveitamento da superficie agraria útil abandonada "para brindar a oportunidade de incrementar o tamaño das explotacións que o precisen, así como a instalación de mozos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira", subliñan desde a Consellaría.
“As recentes experiencias de Galiza en bancos de terras, xestión forestal e uso da terra que foron compartidas cos participantes do seminario foron de gran relevancia e proporcionaron información moi importante para replicar este coñecemento”, indicou Kadlecikova. “Estamos seguros de que isto enriquecerá o noso traballo futuro de tenencia da terra nos países de Europa e de Asia central”, engadiu.