O Barça viaxa a Roma esta terza feira, para enfrontarse nunha final moi catalá ao Manchester United.
Montilla a carón do presidente do Barça, Joan Laporta
A diferenza do que aconteceu en París no ano 2006 (Barça 2-Arsenal 1), na final da Liga de Campións da vindeira cuarta feira entre o Barça e o Manchester United, en Roma, o presidente da Generalitat, José Montilla, figurará na listaxe oficial de autoridades. Así, Montilla estará presidindo a partido xunto co rei español, Xoán Carlos de Borbón, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.
A UEFA adoita recoñecer como autoridades só os xefes do Estado e do goberno. De feito, na final de 2006 en París, o naquela altura presidente do goberno catalán, Pasqual Maragall, tivo que sentar nunha das localidades reservadas polo clube. Porén, nesta ocasión o máis importante organismo europeo do fútbol accedeu a unha petición do Fútbol Club Barcelona para recoñecer o presidente da Generalitat como autoridade nacional.
Alén disto, o catalán tamén vai ser unha das linguas oficiais, xunto co inglés e o italiano, nesta final da Liga de Campións. As indicacións polos altofalantes do campo faranse tamén en catalán, e a conferencia de prensa posterior ao partido terá tradución de todas as intervencións a esta lingua. Ademais, toda a documentación da UEFA dirixida aos seguidores azul-grana estará tamén en catalán.
O Barça sairá esta terza feira cara Roma, onde adestrará no Estadio Olímpico, onde esta cuarta se disputará a final.